DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O Observatorio Eólico de Galicia presenta unha proposta con dúas fórmulas de contrato tipo 

Un contrato para apoderar os propietarios de terreos e facilitarlles as negociacións coas promotoras de parques eólicos

En 2018 Galicia acadou una facturación estimada de 700 millóns de euros

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Investigación
Mª del Camen Echevarría DUVI 08/10/2020

En 2019 instaláronse en Galicia 460 megavatios (MW), o triplo do rexistrado entre 2008 e 2018, que elevan a 3600 o total de MW espallados por 120 concellos do país. Ante a perspectiva dun crecemento continuado de ata 500 MW ao ano, e co obxectivo de garantir a protección das e dos propietarios de terreos afectados por parques eólicos e facilitarlles a negociación coas empresas promotoras destas instalacións, o Observatorio Eólico de Galicia (Oega) elaborou unha proposta de contrato tipo, coa que se pretende mellorar a situación actual, outorgándolles un papel principal na planificación o desenvolvemento eólico e a capacidade de autoxestionar o recurso do vento. "Compre mudar a perspectiva e non pensar na enerxía eólica só de forma sectorial, como un negocio industrial para producir KW/h verdes, senón que debe ser máis sistémica e interpretar a enerxía eólica nun territorio que ten compoñentes sociais, económicos, culturais, tecnolóxicos, industriais, que por certo é a perspectiva da UE", asegura Xavier Simón, responsable do Observatorio Eólico de Galicia (Oega) e investigador da UVigo, que este mediodía presentou xunto a Enrique Sáez, presidente da Fundación Juana de Vega e a Manuel Meijide, presidente da Fundación Isla Couto, a proposta de contrato tipo elaborado por Oega. 

Cunha facturación estimada por investigadores da UVigo e pola auditora Deloitte no ano 2018 de 700 millóns de euros e unha produción de 2600 horas de media, fronte á media española de 2300, en Galicia a promoción eólica estivo en mans de 17 empresas ata que no ano 2017, coa liberalización do mercado, calquera compañía puido entrar no negocio. "Esas 17 empresas tiñan diferentes niveis de responsabilidade social, pero ningunha era un fondo de especulación, que agora si atopamos", lamentou Simón, que xustificou a elaboración do contrato tipo, tamén, coma un medio para evitar a especulación cos terreos. "Non se poden dar concesións de 30 anos sen saber quen está detrás. Hai que facelo ben", dixo Enrique Sáez, que lembrou que o vento é un activo permanente para o país e "é bo explotalo ben desde o punto de vista de como se distribúen os beneficios, impacto paisaxístico ou ecolóxico, e non hai presa", asegurou o presidente da Fundación Juana de Vega.

Pagamentos anuais mínimos, cláusula de produtividade, superficie obxecto do contrato...

A proposta elaborada por Oega, que recentemente lles foi trasladada aos grupos parlamentarios galegos, contempla dúas fórmulas de contrato tipo. Dunha banda, o contrato de constitución de dereito de superficie para comunidades de montes veciñais en man común e, pola outra, o contrato de arrendamento para propietarios individuais. Estes modelos de contrato, aínda que non recollen condicións económicas específicas, supoñen unha chamada a que os contratos prevalezan sobre as expropiacións, e recolle unhas cláusulas básicas entre as que destacan tres formas de pagamento: por superficie ocupada, porcentaxe dos ingresos do parque ou por capacidade instalada. "Nós non determinamos rendas ou prezos a pagar, pero podemos colaborar coas partes para facilitar a negociación, porque sabemos os prezos medios, que deben estar vinculados coa produtividade do parque", explicou Simón, que volveu lembrar que Galicia está por riba a media de España en canto á produtividade. 

Precisamente a cláusula de produtividade co contrato recolle que, cada ano, a partir do segundo, producirase unha revisión do canon pactado, que deberá incrementarse cada anualidade con arranxo á variación experimentada polo Índice de Prezos ao Consumo (IPC). Por outra banda, levarase a cabo unha revisión do canon en calquera momento de vixencia do contrato, na que o superficiario comprométese a igualar o canon pactado cando o propietario presente un contrato, referido a calquera parque eólico terrestre existente dentro do marco normativo eléctrico español, que contemple unhas condicións retributivas máis vantaxosas. Considerado o eólico como un activo fundamental, Xavier Simón sinala que o seu "boom" debe permitir transformar os resultados finais en termos de gobernanza, así como que haxa maior oportunidades para que se chegue a acordos para as partes: os promotores da enerxía eólica e os propietarios dun medio rural que as persoas están a abandonar e onde recursos quedan improdutivos. "Desde o Observatorio, co apoio das dúas fundacións consideramos que a enerxía eólica é unha oportunidade para converter a Galicia e a España nun actor fundamental na transformación ecolóxica e enerxética do noso país e para cumprir cos mandatos derivados do pacto  verde europeo e cos obxectivos de desenvolvemento sustentable da ONU", asegura Simón, para o que é preciso, asegura, impulsar transformacións nas negociacións, fortalecendo a parte máis feble, neste caso os propietarios, para que o resultado final, ademais de cumprir cos obxectivos ambientais, sexa tamén nos ámbitos social e económico. 

A especificación da superficie obxecto do contrato, un pagamento anual mínimo, cobrar as rendas anuais acumuladas nun pago, ou que o promotor empece a pagar cando asine o acordo e non unha década despois, como ocorreu nalgún caso, son outras características deste contrato co que, segundo Simón, se pretende acadar "unha transición enerxética máis democrática e xusta".