DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Foi asinado este venres polo reitor e o delegado rexional noroeste da compañía

Convenio de colaboración entre a UVigo e Red Eléctrica de España

Carlos González Patiño impartiu tamén unha conferencia convidado polo Grupo de Enxeñaría Eléctrica

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Reitor
  • Universidade e empresa
  • Visitas
  • Institucional
D. Besadío DUVI 26/03/2021

A Universidade de Vigo e Red Eléctrica de España asinaron este venres un convenio marco de colaboración polo que ambas entidades se comprometen a realizar actividades de formación que teñan por obxecto proxectar a realidade empresarial, difundir coñecementos sobre o sistema eléctrico e fomentar o desenvolvemento sostible, así como outras actividades e proxectos orientados á investigación e á cooperación.

O convenio foi asinado polo reitor Manuel Reigosa e o delegado rexional noroeste de Red Eléctrica de España Carlos González Patiño, que non dubidaron en comprometerse a asinar novos convenios de carácter máis específico para a posta en marcha de accións xa máis concretas. “A colaboración da Universidade con Red Eléctrica vén xa de moi longo e con esta sinatura non facemos máis que fortalecer esta relación, pois deste acordo marco pódense pendurar moitas outras accións”, explicou o reitor, quen aproveitou para agradecer o papel desempeñado nesta cooperación universidade-empresa polo catedrático da Escola de Enxeñería Industrial José Cidrás, coordinador do grupo de Enerxía Eléctrica, que asistiu tamén á sinatura do convenio. “Para nós esta é tamén unha oportunidade moi boa xa que nos permite divulgar o papel de Red Eléctrica e dar a coñecer o noso traballo e, onde mellor para facelo, que na propia universidade”, explicou González Patiño tras a sinatura do acordo.

Conferencia e visita virtual ao Centro de Control Eléctrico, Cecocel

Ademais da sinatura do convenio, a visita ao campus de Vigo do representante en Galicia de Red Eléctrica incluíu tamén unha conferencia, organizada polo propio grupo de Enxeñaría Eléctrica, na que o delegado rexional da compañía afondou nas diferentes funcións e operacións de Red Eléctrica de España, compañía creada en 1985 e que foi a primeira empresa no mundo dedicada en exclusividade ao transporte e operación do sistema eléctrico. O relatorio tivo lugar na sala 1 do edificio Miralles e nel explicouse como Red Eléctrica establece as previsións da demanda de enerxía eléctrica e opera en tempo real as instalacións de xeración e transporte eléctrico, logrando que a produción programada nas centrais eléctricas coincida en cada instante coa demanda dos consumidores.

Unha vez rematada a conferencia levouse tamén a cabo unha visita virtual interactiva ao Centro de Control Eléctrico, Cecocel, responsable da supervisión do sistema eléctrico en tempo real, da programación da cobertura da demanda, da xestión dos desvíos de xeración-demanda en tempo real e do seguimento dos traballos na rede de transporte. “Este centro é o verdadeiro corazón do sistema eléctrico español, o lugar no que se garante o subministro eléctrico e o equilibrio entre a demanda e a xeración eléctrica”, explicou González Patiño, quen cualificou esta experiencia como de elevado interese para o alumnado de enxeñaría, tanto de grao como de mestrado, que asistiu á charla.