O cociñeiro Pepe Solla ofreceu este luns unha conferencia sobre esta temática
Conversando sobre creatividade e gastronomía en tempos de pandemia
No marco dun ciclo de Ciencias Empresariais e Turismo
A Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense acolleu este luns pola tarde unha conferencia na que o cociñeiro Pepe Solla, propietario de Casa Solla e un dos fundadores do Grupo Nove de cociña, conversou cos asistentes sobre creatividade e gastronomía en tempos de pandemia. Durante a súa intervención, ochef explicou a súa traxectoria e en diálogo con Ernesto López-Valeiras, profesor da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo e membro da organización da actividade, e Xurxo Baca, deseñador e membro do Proxecto Mentor, falou sobre o proceso creativo, especialmente nun contexto de incerteza como o actual. A conferencia celebrouse de xeito presencial, con limitación de aforo, na Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo pero tamén puido seguirse a través do Campus Remoto da UVigo.
Con esta intervención arrancou un ciclo de conferencias que baixo o título Conversas se desenvolve neste centro do campus de Ourense ao abeiro do seu Proxecto Mentor. A iniciativa, comentan desde a súa organización, consiste nun ciclo de conferencias de divulgación no que investigadores e investigadoras comparten escenario con profesionais, directivos, empresarios, emprendedores e outros axentes sociais. As temáticas destas sesións, indican, serán de interese xeral, tratando temas de actualidade relacionados co mundo da empresa e a súa relación coa sociedade e o medio ambiente, tendo en conta que o obxectivo principal da actividade é divulgar, promover o debate e a crítica de novos coñecementos, ideas e opinión a amplos colectivos sociais.