DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O catedrático Xavier Labandeira protagoniza este xoves un coloquio no café-bar Carabela

As conversas sobre o cambio climático da Universidade achéganse a Pontevedra

Inserida no plan ‘Unha cuestión de ciencia’, centrarase na xestión socioeconómica desta problemática

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Divulgación
  • Medio Ambiente
  • Transferencia
DUVI Pontevedra 24/06/2019

Co obxectivo de analizar, con carácter divulgativo e desde un punto de vista científico as causas, efectos e implicacións do quentamento global e do cambio climático, a Unidade de Cultura Científica e da Innovación (UCC+i) da Universidade impulsou neste 2019 o ciclo Conversas sobre Cambio Climático, que este xoves se traslada a Pontevedra, onde o catedrático de Economía da Universidade de Vigo Xavier Labandeira afondará na xestión socioeconómica desta problemática. Enmarcada no plan Unha Cuestión de Ciencia da UCC+i e promovida pola Vicerreitoría de Comunicación e Relacións Institucionais en colaboración coas vicerreitorías de Investigación e de Responsabilidade Social, Internacionalización e Cooperación, esta conversa desenvolverase na terraza do café-bar Carabela, na praza da Estrela, a partir das 20.00 horas. Na primeira vez na que esta iniciativa se desenvolve en Pontevedra, apuntan desde a organización, optarase por un “formato máis aberto”, a través dun coloquio no que Labandeira estará acompañado pola xornalista de PontevedraViva Natalia Puga, que exercerá como moderadora.

A importancia do problema que supón o cambio climático en termos sociais e económicos, a situación actual, o que queda por facer e como esta problemática está sendo afrontada por diferentes axentes e institucións serán algúns dos eixos desta conversa. Trátase da cuarta sesión, tralas desenvolvidas previamente en Vigo e Ourense, dun ciclo que ten como obxectivo achegar a ciencia e o traballo do persoal investigador da Universidade ás rúas e lugares de encontro habituais da sociedade.

“O custo de non facer nada é moi superior” ao das políticas contra o cambio climático

Catedrático de Economía e investigador do grupo Rede, Labandeira, que o pasado ano foi invitado a participar como editor no sexto informe do grupo 3 do IPCC, o Grupo Intergubernamental sobre Cambio Climático de Nacións Unidas, buscará neste coloquio pór o foco na necesidade de actuar, desde ámbitos como o das políticas públicas, fronte a un “problema moi relevante e moi preocupante”. Nese senso, o experto buscará neste coloquio promover unha reflexión sobre “que tipo de actuacións podemos levar a cabo para enfrontarnos a este problema”, poñendo o foco nas políticas públicas, eixo central do seu labor investigador neste eido, pero tamén nas actuacións que poderían levar a cabo tanto as empresas como a propia cidadanía. 

Non en van, trátase dun problema que ten como primeira causa a xeración de gases de efecto invernadoiro, “que basicamente son o sangue do noso sistema económico”, apunta Labandeira, que recoñece que se trata dun problema que será “moi difícil atallar” e que implicará cambios e medidas que supoñen uns custos determinados. “Aínda así, o custo de facer nada é moi superior”, engade este catedrático, que incide nese senso nas elevas repercusións “económicas e sociais" que supoñen as catástrofes ambientais derivadas deste climático. Por iso, outro dos propósitos da conversa será debater sobre “como temos que levar a cabo esta loita de maneira que non sexa moi gravosa para a sociedade”.