DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O compositor Eduardo Moguillansky imparte un obradoiro na Facultade de Belas Artes

Como converter en música aquilo que escapa da partitura

Nas súas sesións, presenta ferramentas tecnolóxicas que permiten musicar elementos como a voz humana

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Eduardo Muñiz DUVI 09/12/2016

“Todos sabemos que é a cor vermella, pero para un músico é imposible acceder a esta, non existe a nota vermello”, recoñece o compositor e investigador arxentino Eduardo Mougillansky, que nas xornadas de xoves e venres achega o alumnado da Facultade de Belas Artes aos procesos e dispositivos tecnolóxicos que vén desenvolvendo para “traballar dunha forma compositiva elementos que normalmente se escapan da formalización musical”, como os diferentes elementos que, agregados, conforman a nosa percepción da voz humana. Faino no obradoiro Sndtrck, integrado na programación de Da arte sonora e da música contemporánea, un ciclo promovido, baixo a coordinación do profesor Ignacio Barcia, polo grupo de investigación DX7 en colaboración con Vertixe Sonora.

De feito, Moguillansky, que desenvolve o seu labor como investigador no Instituto para a Nova Música e a Educación Musical de Darmstadt (Alemaña), será o protagonista este domingo, na Casa das Artes de Vigo, do derradeiro concerto do IV Festival Internacional de Creación Musical Contemporánea de Vertixe Sonora, no que estreará a súa nova composición Droit sur les cloches, para a que utilizou un software, Sndtrck, desenvolvido por el mesmo con ese propósito de abordar nunha composición musical “cousas que normalmente non están na cuadratura do noso sistema”. Un proceso de composición que este músico arxentino debullou neste obradoiro e que presenta como unha adaptación das investigacións realizadas a mediados do século XIX co propósito de “dividir a voz nos seus elementos constituíntes”. O software que desenvolveu para este proceso e dun sintetizador, que presenta como unha "adaptación" da máquina desenvolvida no marco desta investigación do século XIX, estas ferramentas permiten a este compositor tanto “musicar a voz humana” como abordar outra serie de diferencias entre “notas reais e notas virtuais, que só están en ti”, como as que se derivan do son dunha campá, “na que a nota que escoitamos cando soa non está en ningún lado, salvo no noso o oído”.

“Para facer algo persoal, necesítanse ferramentas persoais”, recoñece este pianista e compositor, quen relatou aos e ás asistentes a este taller tanto o contexto no que usa e desenvolve determinadas ferramentas tecnolóxicas, como o funcionamento desas propias ferramentas en si, en ocasións “un software para procesos moi específicos que pode ser que utilices unha soa vez”. Nese senso, Moguillansky pon de relevo as posibilidades que as novas ferramentas tecnolóxicas outorgan á hora de promover “unha relación con outros campos fóra da música abstracta, que permite recontextualizar o que facemos”.

Un novo achegamento á creación sonora

Dous obradoiros, dos compositores Luc Dobëreiner e Michelle Agnes, e unha conferencia de Gerald Eckert completaron a programación dun ciclo que desde o pasado mes de outubro propuxo en Belas Artes unha reflexión na fronteira entre música contemporánea e arte sonora e no que participaron como asistentes, como explica Barcia, tanto “xente que ten xa unha certa traxectoria como artistas sonoros como alumnos que están empezando a tomar contacto con esta”. Nese senso, o coordinador desta actividade pon de relevo a “boa receptividade” amosada tanto por estudantes como por egresados por unha serie de propostas que, máis aló de elementos técnicos, permiten, nuns talleres con prazas limitadas, “explicar desde o principio un proceso creativo que se aborda con outras ferramentas”, como é o caso do obradoiro que durante estas dúas xornadas protagonizou Moguillansky.