O programa ExploraCampus comprende actividades como iniciación á escalada ou roteiros pola contorna
Un convite para explorar o campus na primavera
O vindeiro venres día 8 terá lugar a Andaina do Solpor no monte Galiñeiro
Co obxectivo de que os membros da comunidade universitaria coñezan e se familiaricen coas oportunidades de lecer e actividade física que ofrece o campus de Vigo, a Área de Benestar, Saúde e Deporte da UVigo pon en marcha unha nova edición do programa ExploraCampus. Esta iniciativa trata potenciar a contorna natural e as instalacións do campus, fomentado a práctica deportiva e o benestar entre todos os colectivos que conforman a Universidade de Vigo.
Unhas da propostas, que terá lugar todos os luns e mércores do mes de maio, son unhas xornadas de iniciación á escalada indoor. A partir xa deste luns 5 e ata finais de mes, entre as 18.00 e as 19.00 horas, as persoas interesadas poderán iniciarse neste deporte na parede de escalada do pavillón do campus.
Outro dos eixes do ExploraCampus son as andainas. A primeira delas, Solpor no monte Galiñeiro, terá lugar o vindeiro venres 8 de maio de 18.30 a 23.00 horas con saída e chegada dende a Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía. Esta actividade organízase en colaboración coa Delegación do Estudantado da escola e co Club Peña Trevinca Montañeiros de Galicia e xa conta con máis de 20 persoas inscritas. A lonxitude do percorrido, ida e volta, é de 14 km e, dada a hora de finalización, habilitaranse autobuses con saída dende a EE de Minas e Enerxía ás 23.00 para trasladar os participantes de volta a Vigo, con tres paradas: Praza América, Praza de España e a rúa Areal.
A seguinte cita será o martes 13 maio, de 15.00 a 16.00 horas coa Andaina do miradoiro da ría de Vigo, con saída e chegada no pavillón universitario e un percorrido que transcorrerá polo parque Forestal de Beade e o xacemento de mámoas do campus.
Todas estas actividades son de balde para a comunidade universitaria e as inscricións poden realizarse ata dous días antes da actividade en campusactivo.uvigo.gal
Outros recursos para facer deporte de xeito independente
Ademais de todos os programas, competicións, equipos e escolas deportivas que organiza cada curso a Área de Benestar, Saúde e Deporte, a Uvigo tamén conta con instalacións para a práctica libre de deportes. Por exemplo, unha pista de carreira a pé na zona deportiva cun quilómetro de lonxitude, que conta tamén con servizo de vestiarios de balde e armarios individuais. Tamén existe un servizo de préstamo de bicicletas BTT para realizar rutas pola contorna do campus e o Parque Forestal de Beade e unha serie de rutas e planos deseñados pola Oficina de Medio ambiente da UVigo que serven como guía para coñecer a zona próxima ao campus.