Pode presentarse todo o alumnado matriculado nas universidades galegas
Convocada a V edición do concurso de vídeos 'Móvete polos ODS'
Con premios para os máis votadas en YouTube e para o máis innovador
Chegou o verán e con el unha nova edición, a quinta, do concurso de vídeos Móvete polos ODS, unha actividade aberta á participación, individual ou en grupo, de todo o alumnado matriculado nas universidades públicas galegas.
Convocado pola Rede Galega de Cooperación Universitaria ao Desenvolvemento (RGCUD), a iniciativa busca sensibilizar á comunidade universitaria, e á sociedade en xeral, sobre a importancia de que todas as persoas formen parte da solución aos grandes retos mundiais sobre as desigualdades sociais e de xénero, o cambio climático, a perda da biodiversidade, a escaseza da auga etc...
Búscanse vídeos de 1 min de duración en formato mp4, coa temática de como se pode contribuír individualmente ou de cada organización á consecución dalgunha das 169 metas nas que se materializa a Axenda 2030 e os seus Obxectivos de Desenvolvemento Sostible.
1500 euros en premios
O concurso repartirá un total de 1500 euros en premios. O vídeo que acade máis Gústame en Youtube recibirá o primeiro premio, 550 euros; o segundo obterá 350 € e o terceiro 200 €. Paralelamente, outorgarase un premio á innovación cunha dotación económica de 400 € que será elixido por un xurado, formado polos vicerreitores e vicerreitoras con competencias en materia de cooperación das tres universidades galegas ou persoa na que deleguen.
Poden enviarse vídeos en cor ou en branco e negro, cunha resolución de 1280x720p, aínda que a recomendada é 1920x1080p.
Ata o 3 de outubro
O prazo de presentación de solicitudes manterase aberto ata o 3 de outubro.
