DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O seu obxectivo é recoñecer a actividade de persoal docente e investigador e alumnado

Convócanse os II Premios de Investigación, Transferencia e Divulgación Científica do Campus da Auga

O prazo de presentación de solicitudes remata o 13 de setembro

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Divulgación
  • Premios
  • Investigación
DUVI Ourense 04/06/2019

A convocatoria dos II Premios de Investigación, Transferencia e Divulgación Científica do Campus da Auga, feita pola Vicerreitoría do Campus de Ourense, xa está aberta. O obxectivo desta iniciativa é recoñecer a actividade de persoal docente e investigador e alumnado da Universidade de Vigo. Os galardóns están dotados en total con 3600 euros por Viaqua no marco dun convenio de colaboración asinado recentemente entre esta empresa e a institución académica. O prazo de presentación de solicitudes remata o 13 de setembro de 2019.

Segundo recolle a convocatoria, esta iniciativa xorde “dentro da política de impulso e fomento do proxecto de especialización do campus de Ourense como Campus da Auga” e coa finalidade de “recoñecer e estimular accións relevantes” nos eidos que contemplan os galardóns e que contribúan á promoción deste campus. Con estes galardóns, indícase, “recoñécese o valor que o Campus da Auga outorga ao esforzo do persoal docente e investigador, persoal investigador e alumnado no ámbito da investigación, a transferencia e a divulgación científica en temáticas da auga e outras relacionadas, como a sustentabilidade, o medio ambiente, o sector agroalimentario ou a economía circular. “Trátase de contribuír desta forma a mellorar a proxección investigadora e social do campus de Ourense como un campus líder nestas temáticas”, sinálase na convocatoria.

O obxectivo dos II Premios de Investigación, Transferencia e Divulgación Científica do Campus da Auga é, segundo se indica nas súas bases, “recoñecer diferentes facetas da actividade investigadora e de transferencia" desenvolvida por persoal docente e investigador, persoal investigador ou alumnado da Universidade de Vigo nas temáticas obxecto da convocatoria, entre as que se atopan traballos fin de grao e mestrado, teses e contribucións científicas de alto impacto publicados entre o 2017 e o 2019, así como resultados relevantes de transferencia tecnolóxica ou de coñecemento derivados dun proxecto ou contrato finalizado entre 2017 e 2019.

Cinco modalidades

Os galardóns contan con cinco modalidades, como son o premio ao traballo fin de grao/traballo fin de mestrado máis destacado; o premio de investigación a teses de doutoramento; o premio de investigación á mellor contribución científica; o premio ao mellor resultado de transferencia e o premio a accións ou actividades de divulgación científica. Enténdese por contribucións científicas aquelas que se realizan nos medios de difusión propios de cada ámbito de coñecemento, como poden ser artigos en revistas indexadas, libros, capítulos de libros, monografías, recensións, etc. Enténdese por resultados de transferencia aspectos tales como patentes en explotación, produtos ou servizos comercializados por algunha empresa ou estudos e informes de impacto contrastado, sempre que fosen resultado dun proxecto ou contrato realizado na Universidade de Vigo e que todos os membros do proxecto ou contrato do que deriven resultados relevantes de transferencia cumpran a condición de ser PDI ou alumnado da Universidade de Vigo.

Para concorrer a calquera das modalidades poderán ser candidatas e candidatos o persoal docente e investigador e persoal investigador que no momento da convocatoria se atope en situación de servizo activo na Universidade de Vigo e o alumnado da Universidade de Vigo matriculado no curso 2018/2019 ou no curso 2017/2018 que cumpra os requisitos da modalidade do premio ao que se presenta. Unha comisión será a encargada de valorar as candidaturas.