DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Impartirase na Facultade de Educación e Traballo Social

Convócase unha nova edición do título propio de Especialista en Autonomía de Mozos e Mozas no Sistema de Protección

O prazo de preinscrición abre o 14 de novembro

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Institucional
DUVI Ourense 09/11/2022

Facilitar unha formación no ámbito da protección á infancia e á adolescencia; favorecer o deseño profesional de estratexias específicas no apoio á transición á vida adulta da adolescencia vulnerable e coñecer os procesos de acompañamento socioeducativo con adolescencia en protección. Con estes obxectivos volve a ofertarse este curso académico o título propio da Universidade de Vigo de Especialista en Autonomía de Mozos e Mozas no Sistema de Protección.

A iniciativa, que se desenvolve na Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense, está ofertada pola Escola Aberta de Formación Permanente da UVigo xunto con Igaxes (Instituto Galego de Xestión para o Terceiro Sector), buscando “formar profesionais cun alto compromiso social e estándares éticos, que busquen a calidade e innovación nas súas actividades e que se impliquen activamente na súa formación continua”. Coordinado e dirixido por Deibe Fernández Simo e María Victoria Carrera, docentes da facultade que o acolle, o curso dispón de 20 prazas e consta de 360 horas de formación presencial teórica e práctica (30 créditos ECTS).  

Trátase, explican os responsables da iniciativa, da súa segunda edición. Así, lembran, este título arrancou o pasado curso académico para dar resposta desde o eido educativo á necesidade detectada no mercado laboral e na educación social de “apoiar os procesos de emancipación da mocidade en situacións de dificultade social, que é unha mocidade que cando chega aos 18 anos ten que emanciparse e contar coa autonomía precisa para desenvolverse por eles mesmos, ao carecer de apoio familiar”. Igualmente, naceu para reforzar a formación das e dos profesionais que acompañan a estes menores neste difícil tránsito, facilitándolle unha formación integral sobre todos os aspectos que teñen que ver con este proceso.

Teoría e práctica

A formación está destinada a persoas tituladas ou alumnado de primeiro e segundo ciclo dos graos de Educación Social, Traballo Social, Pedagoxía e Psicoloxía, así como doutras titulacións afíns, e desenvolverase desde o 23 de xaneiro ao 23 de xuño de 2023. Ao longo co curso, que ten un carácter presencial, nos módulos teóricos (que se prolongarán de xaneiro ata abril, con docencia xoves e venres pola tarde no campus) as e os inscritos abordarán cuestións como a regulación xurídica do sistema de protección de menores; o perfil da adolescencia en protección; as competencias profesionais para a acción socioeducativa con adolescencia; o modelo de vivendas e protocolos; a acción socioeducativa e xénero; o ocio da adolescencia; o vínculo e acompañamento socioeducativo e a inserción laboral da mocidade en dificultade social. O profesorado procede da Universidade de Vigo e de outras institucións académicas referentes, ademais de profesionais de dilatada experiencia no sector.

Ademais, as persoas participantes realizarán 210 horas de prácticas en recursos do sistema de protección de cidades galegas (como poden ser vivendas tuteladas e asistidas ou en oficinas de inserción laboral con mocidade en protección). Concretamente, este programa de prácticas realizarase en recursos de apoio á independencia do Programa Mentor, orientado á autonomía e á inserción laboral da mocidade tutelada, ex-tutelada, en garda e con medidas xudiciais, desenvolvido en Galicia por Igaxes. “Durante un período de catro meses, o alumnado completará a súa formación en proxectos de apoio á emancipación de mozos e mozas, traballando a carón das persoas participantes dos programas e dos equipos profesionais que as acompañan”, sinalan os seus responsables. A práctica externa, engaden, “é determinante na consolidación das competencias do curso, permitindo a aplicación das estratexias aprendidas a un contexto de vulnerabilidade real. A teoría impartida será a base para que o alumnado poida utilizar os coñecementos adquiridos nun proceso de acompañamento socioeducativo desde un perfil profesional”. O curso oferta ademais unha bolsa de emprego de dez contratos de traballo remunerado en recursos residenciais para as e os graduados en Educación Social.

Segundo explican os responsables da iniciativa, decidiron dar continuidade ao curso con esta segunda edición tendo en conta a boa resposta do alumnado (tanto en número de persoas inscritas como en aproveitamento da formación), como pola boa acollida por parte das entidades, xa que, sinalan, todas as persoas que quixeron acceder a un contrato tiveron a oportunidade de facelo. “Parecíanos importante seguir nesta liña de colaboración entre a formación universitaria e o terceiro sector, para contribuír a dar unha resposta efectiva ás necesidades que ten a mocidade en situación de vulnerabilidade”, indican por último. O prazo de preinscrición está aberto do 14 de novembro ata o 13 de decembro. O custe xeral da matrícula é de 686 euros, habendo descontos para diferentes colectivos.