DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A cita será o día 22 de maio no campus de Ourense

Convócase a terceira edición da Olimpíada Galega de Historia

O prazo de inscrición para os centros interesados xa está aberto

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Premios
  • Institucional
DUVI Ourense 02/03/2020

Hai tres anos a Facultade de Historia do campus de Ourense puxo en marcha a Olimpíada Galega de Historia co lema Fai historia con nós e co obxectivo de fomentar a paixón polo coñecemento do pasado entre os máis novos e novas. O prazo para que os centros educativos se inscriban para participar na súa terceira edición, que terá lugar o 22 de maio, xa está aberto.

A olimpíada foi presentada este luns por Susana Reboreda, decana da Facultade de Historia, acompañada de Josefina Cadilla, secretaria do centro. “Puxemos en marcha esta iniciativa cun obxectivo dobre, por unha parte reivindicar a importancia das humanidades e por outra visibilizar o noso Grao en Xeografía e Historia, a nosa facultade e tamén o campus de Ourense”, indicou Susana Reboreda na rolda de prensa de presentación. A cita, engadiu, ten un formato de olimpíada, “de concurso e non de exame ao uso”, coa idea de “reivindicar o aspecto lúdico da historia, de amosar que é posible estudala dun xeito entretido”. Ademais da colaboración de diversas vicerreitorías da Universidade de Vigo, a decana agradeceu na súa intervención a colaboración nesta edición de entidades como o Consello Social da Universidade de Vigo, a Xunta de Galicia e o concello e deputación de Ourense, ademais de empresas como Coren, Grupo Cuevas, Editorial Galaxia e Caldaria.

Dúas fases de concurso

Na III Olimpíada Galega de Historia pode participar o alumnado matriculado no curso 2019/2020 en cuarto curso de Educación Secundaria Obrigatoria ou Educación Secundaria de Adultos dos centros de Ensino Secundario de Galicia. A participación na proba realizarase mediante equipos, podendo cada centro presentar un só equipo formado por catro estudantes e un docente encargado da súa preparación. Atendendo á capacidade loxística da organización, o número máximo de participantes é de 30 equipos elixidos por rigorosa orde de inscrición. O prazo de inscrición xa está aberto e finaliza o día 17 de abril de 2020 ás 14.00 h, lembrado desde a  organización como na anterior edición se esgotaron as prazas dispoñibles.

A proba terá lugar o día 22 de maio na Facultade de Historia no campus de Ourense. Os equipos enfrontaranse nunha competición que seguirá o esquema de pregunta-resposta e que se cinguirá aos contidos do currículo da materia de Xeografía e Historia de cuarto curso de Educación Secundaria establecidos pola actual lei educativa (Lomce). Nunha primeira fase, os equipos competirán a través dunha aplicación informática respondendo a preguntas tipo test cunha única posible resposta válida. Todos os equipos participarán como mínimo en dúas quendas do concurso. A segunda quenda, correspondente ás semifinais e finais, terá un formato tradicional no que haberá unha persoa encargada de realizar aos equipos semifinalistas e finalistas as preguntas. Haberá catro galardóns, premiándose tanto ás persoas gañadoras como ao seu titor ou titora como ao centro.

Máis información: http://historia.uvigo.es/gl/estudantes/olimpiada-de-historia/