DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Distinguirá os mellores traballos visuais e literarios de alumnado de Primaria e ESO da provincia

Convócase o VI Concurso de Creación Artística do Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia

O seu obxectivo é avanzar na visibilización de referentes femininos no eido científico e tecnolóxico

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Igualdade
  • Institucional
DUVI Ourense 22/11/2021

Xa está en marcha unha nova edición, a sexta, do Concurso de Creación Artística do Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia, aberto á participación de alumnado de Primaria e ESO da provincia de Ourense. A iniciativa organízase co gallo da celebración o día 11 de febreiro do Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia e é froito do traballo conxunto da Facultade de Ciencias, a Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo e a Escola Superior de Enxeñaría Informática do campus de Ourense, que cada ano unen forzas para organizar diferentes accións destinadas a potenciar e visibilizar a presenza da muller na I+D+i.

Os obxectivos deste certame, que conta co apoio da Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo, son promover o coñecemento por parte do alumnado do papel das mulleres na ciencia e na enxeñaría e das súas achegas ao desenvolvemento humano ao longo da historia; establecer un certame que axude a que se visualice o papel das mulleres na ciencia e na enxeñaría e que reflicta como son vistas pola sociedade, e chamar a atención do alumnado sobre a ciencia, a enxeñaría e a súa contorna. A iniciativa, á que na última edición se presentaron case 200 traballos, únese a outras levadas a cabo por un amplo colectivo de base dos centros organizadores que está comprometido co reto de contrarrestar o déficit de referentes femininos nos eidos da ciencia, a enxeñaría e a tecnoloxía e co fomento das vocacións científicas entre as novas xeracións desde unha perspectiva de xénero. Froito deste compromiso están, ademais deste concurso, as exposicións itinerantes Exxperimenta en feminino e As mulleres que nos levaron á lúa e a feira divulgativa Exxperimenta en Feminino.

Modalidade visual e literaria

Pode participar neste concurso o alumnado de Educación Primaria e Educación Secundaria Obrigatoria matriculado en calquera centro educativo que pertenza á provincia de Ourense. O certame conta con dúas categorías, unha de Educación Primaria e outra de ESO, e dúas modalidades. A modalidade visual abrangue debuxos con calquera material (lapis de cores, rotuladores, recortes para colaxe...) e recursos como o son, o vídeo ou a fotografía para crear obras ou propostas artísticas. A peza presentada deberá ser unha obra inédita e orixinal. A modalidade literaria está destinada a manuscritos que poderán estar escritos a man ou a ordenador e que, en calquera caso, enviaranse en formato dixital ao enderezo da organización do concurso. A extensión máxima do traballo será de aproximadamente 900 palabras e deberá ser unha obra inédita e orixinal, indicando desde a organización que non pode ser “un resumo do que xa está escrito na web”. Os traballos poderán estar escritos en galego ou en castelán nos xéneros de poesía e narrativa (contos, relatos). Cada estudante poderá participar exclusivamente nunha das modalidades cun único traballo.

O tema común dos traballos, explican desde a organización do certame, “son os referentes femininos nas disciplinas CTEM (ciencia, tecnoloxía, enxeñaría e matemáticas), enxeñeiras, oceanógrafas, informáticas, matemáticas, físicas, biólogas, vulcanólogas, químicas, inventoras”. Os traballos presentados, engaden, “deben reflexar a visión do alumnado do papel das mulleres na ciencia con temas como os seguintes: que sabes dos descubrimentos das científicas pioneiras?; anímaste a debuxar unha científica?; inventoras e os seus inventos; anécdotas ou historias da túa contorna persoal: a miña avoa científica, a miña tía enxeñeira. Axúdanos a descubrir as mulleres que deixaron a súa pegada na historia de ciencia”. A data límite para presentar propostas é o 20 de xaneiro de 2022.

A selección dos traballos gañadores realizarase por proposta dun xurado composto por docentes dos centros organizadores. Os criterios de avaliación serán os seguintes. Na modalidade visual valorarase “a calidade técnica, a orixinalidade, a creatividade e o tratamento da temática do concurso” e na literaria “o estilo, a capacidade de razoamento, a orixinalidade e o tratamento da temática do concurso”. A entrega de premios será nun acto que terá lugar na primeira quincena de febreiro de 2022 coincidindo cos actos de conmemoración do Día internacional da Muller e da Nena na Ciencia. Haberá tres premios por cada unha das categorías e das modalidades. O premio consistirá nunha calculadora científica Casio Women in Science, un libro, unha taza e un diploma xustificativo do premio.