DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Aberto a alumnado de Primaria e Bacharelato de centros da provincia

Convócase o VII Concurso Escolar de Creación Artística do Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia

O prazo de presentación de traballos remata o 20 de xaneiro

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Igualdade
  • Premios
  • Institucional
DUVI Ourense 28/11/2022

A Facultade de Ciencias, a Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo e a Escola Superior de Enxeñaría Informática do campus de Ourense convocan VII Concurso Escolar de Creación Artística do Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia. O alumnado de Educación Primaria e de Educación Secundaria Obrigatoria de centros educativos ourensáns pode presentar os seus traballos sobre a muller na ciencia e na enxeñaría ata o 20 de xaneiro de 2023.

Os obxectivos da iniciativa, que conta co apoio da Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo, son promover o coñecemento por parte do alumnado do papel das mulleres na ciencia e na enxeñaría e as súas achegas ao desenvolvemento humano ao longo da historia; establecer un certame que axude a visualizar este papel e chamar a atención do alumnado preuniversitario sobre a ciencia, a enxeñaría e a súa contorna. A actividade, engaden, celébrase co gallo da conmemoración o 11 de febreiro do Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia. A participación neste certame está aberto a alumnado de Educación Primaria e Educación Secundaria Obrigatoria matriculado nos centros educativos da provincia de Ourense, establecéndose unha categoría para cada unha destas etapas educativas.

Dúas modalidades

As modalidades para participar son dúas, podendo cada estudante participar exclusivamente nunha das modalidades cun único traballo, que deberá ser inédito e orixinal. En primeiro lugar, a modalidade visual está aberta a debuxos realizados con calquera material (lapis de cores, rotuladores, recortes para colaxe...) e recursos como o son, o vídeo ou a fotografía para crear obras ou propostas artísticas. Enviaranse en formato dixital ao enderezo da organización do concurso e non levarán o nome do autor ou autora de forma visible. As fotografías remitiranse en alta resolución (mínimo 1920 x 1080 pixeles), cun tamaño máximo de 20MB. Os vídeos poden ter unha duración que oscile entre os 30 segundos e os 2 minutos. Os debuxos tamén deberán ser escaneados en alta resolución. En segundo lugar, na modalidade literaria pódense presentar manuscritos escritos a man ou a ordenador e que, en calquera caso, se enviarán en formato dixital ao enderezo da organización do concurso. A extensión máxima do traballo será de aproximadamente 900 palabras, o que equivale aproximadamente ás dúas caras dun folio de tamaño A4, e non levarán o nome da autora ou autor de forma visible. Deberá ser unha obra inédita e orixinal, especificando desde a organización que non se poden presentar resumos do que xa está escrito en Internet. Os traballos poderán estar escritos en galego ou en castelán nos xéneros de poesía e narrativa (contos, relatos).

O tema común dos traballos serán os referentes femininos nas disciplinas CTEM (ciencia, tecnoloxía, enxeñaría e matemáticas), como enxeñeiras, oceanógrafas, informáticas, matemáticas, físicas, biólogas, vulcanólogas, químicas, inventoras. “Os traballos deben reflexar a visión do alumnado do papel das mulleres na ciencia con temas como os seguintes: que sabes dos descubrimentos das científicas pioneiras?, anímaste a debuxar unha científica?, inventoras e os seus inventos, anécdotas ou historias da túa contorna persoal: a miña avoa científica, a miña tía enxeñeira, axúdanos a descubrir as mulleres que deixaron a súa pegada na historia de ciencia e deixa voar a túa imaxinación e amósanos a visión feminina da ciencia”, sinalan desde a organización.

Un xurado composto por profesorado da Facultade de Ciencias, da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo e da Escola Superior de Enxeñaría Informática realizará a proposta de traballos gañadores. Na modalidade visual valorarase “a calidade técnica, a orixinalidade, a creatividade e o tratamento da temática do concurso” e na literaria “o estilo, a capacidade de razoamento, a orixinalidade e o tratamento da temática do concurso”. Haberá tres premios por cada unha das categorías e das modalidades. Os traballos premiados pasarán a ser propiedade da organización do certame e as autoras e autores cederán os dereitos de reprodución das súas obras. A entrega de galardóns terá lugar nun acto especial que se celebrará no campus de Ourense na primeira quincena de febreiro coincidindo cos actos de conmemoración do Día internacional da Muller e da Nena na Ciencia.