DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A iniciativa está dotada con 59.000 euros pola Deputación Provincial

A convocatoria Inou 2026 financia dez proxectos de investigación vinculados coa provincia de Ourense

O seu abano temático abrangue desde a arqueoloxía e a lectura ata os funxicidas e a agroindustria

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Investigación
  • Investigación
DUVI Ourense 08/07/2026

A convocatoria de axudas a grupos de investigación do campus de Ourense Inou 2026 financiará dez proxectos de interese para o desenvolvemento social e económico da provincia e para o coñecemento da súa realidade. As iniciativas beneficiarias abranguen desde a arqueoloxía e a lectura ata os funxicidas e a agroindustria. 

As axudas están financiadas pola Deputación Provincial de Ourense ao abeiro do convenio anual asinado entre este órgano e a Universidade de Vigo para o desenvolvemento de actividades de difusión cultural, investigación, formación e deportes no campus de Ourense. A súa dotación é de 59.000 euros, sendo a subvención máxima para cada proxecto, que se desenvolverá ao longo do ano 2026, de 5900 euros. 

Temáticas moi diversas

No ámbito das Ciencias son dous os proxectos que se realizarán. Un de caracterización química e avaliación da seguridade de extractos bioactivos de residuos agroindustriais, liderado pola investigadora Lucía Victoria Cassani, e outro de identificación de zonas climáticas na provincia de Ourense, a cargo de Laia Francina Tugores. Xa no ámbito da enxeñaría desenvolverase FunxiGarda, unha aplicación para a xestión do risco fúnxico nas plantacións de pataca, con Pedro Celard como responsable, e a aplicación dos modelos Iber+ e DualSPHysics para a avaliación do potencial de enerxía hidrocinética na provincia, liderado neste caso polos investigadores Diego Fernández e Iván Martínez. 

Tamén foron varias as propostas aprobadas no ámbito das ciencias sociais e xurídicas e das artes e humanidades nesta convocatoria Inou 2026. Desde a Facultade de Educación e Traballo Social Carla María Míguez realizará un proxecto de seleccións e prácticas lectoras dos docentes de Educación Infantil na provincia e Nazaret Blanco outro titulado De princesas e príncipes a personaxes libres nos contos: un estudo cualitativo sobre a formación, actitudes e prácticas docentes do profesorado de Educación Infantil ourensán. Ademais, Diego Herrero encabeza un proxecto de investigación arqueolóxica e educación patrimonial no Alto Támega e Abraham Rubín e Luis Velasco outro sobre o servizo obrigatorio, levas, disciplina e axencias na provincia de Ourense.  

Completan esta listaxe Inou 2026 un estudo do dominio público hidráulico en relación co réxime xurídico da propiedade privada lindeira, que realizará Eva Fernández, e outro sobre a xustiza dixital inclusiva en Ourense, que levará a cabo a investigadora Ana Isabel González. 

Impulso da investigación

Con estas axudas alén de contribuír ao desenvolvemento da provincia, quérese impulsar a interacción entre grupos de investigación do campus dos diferentes ámbitos de coñecemento (Ciencias, Ciencias da Saúde, Enxeñería e Arquitectura, Ciencias Sociais e Xurídicas e Arte e Humanidades). Ademais, búscase contribuír a reducir o desequilibrio entre homes e mulleres dedicados á investigación no Sistema Universitario de Galicia e potenciar na medida do posible a colaboración entre grupos de investigación de diferentes centros do campus de Ourense. Parte das propostas elixidas forman parte de liñas de investigación vinculadas ás estruturas de investigación que hai neste campus, como son o Campus Auga, acreditado e financiado pola Xunta de Galicia, e o Instituto de Agroecoloxía e Alimentación. Co obxectivo de contribuír á súa divulgación e transferencia, os resultados dos proxectos Inou beneficiarios de cada convocatoria son recollidos e publicados nun libro electrónico realizado pola Vicerreitoría do campus.