Realizados por persoal investigador de posdoutoramento
A convocatoria Inou+ destinará 60.000 euros a proxectos que potencien as liñas de especialización do Campus Auga
A iniciativa está financiada ao abeiro do convenio coa Xunta de Galicia
A Vicerreitoría do Campus de Ourense ten convocada unha nova edición das axudas a proxectos de persoal investigador na etapa de formación posdoutoral do campus de Ourense-Campus Auga (Inou+ Posdou Campus Auga 2026). A súa finalidade é contribuír a potenciar as liñas de investigación do proxecto de especialización do campus de Ourense acreditado pola Xunta de Galicia.
A iniciativa está financiada no marco do convenio de colaboración existente entre a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional e a Universidade de Vigo para o desenvolvemento de accións estratéxicas no Campus Auga (2024-2027). A dotación máxima da convocatoria é de 60.000 euros, sendo a subvención máxima para cada proxecto de 10.000 euros. O prazo de presentación das solicitudes, que se fará on-line, está aberto ata o día 23 de febreiro ás 23.59 h (hora peninsular española).
Retención e potenciación de talento
As axudas, tal e como se recolle nas súas bases, preténdese que sexan unha vía de retención de talento, para que o persoal investigador novo con contribucións científico-técnicas relevantes e innovadoras teña a posibilidade de liderar proxectos como investigadores e investigadoras principais e adquira as competencias e capacidades que lle permitan obter as acreditacións e axudas que posibiliten a súa estabilización en organismos de investigación. Ademais, a convocatoria quere contribuír a reducir o desequilibrio entre homes e mulleres dedicados á investigación no Sistema Universitario de Galicia.
Pode solicitar estas axudas o persoal investigador que cumpra os requisitos establecidos na convocatoria e que forme parte dun grupo de investigación adscrito ao Campus Auga. Entre estes requerimentos, o investigador ou investigadora principal debe estar en posesión do grao de doutor e manter unha relación contractual coa Universidade de Vigo con centros do campus de Ourense-Campus Auga na que a súa finalidade primordial sexa completar a súa formación investigadora posdoutoral. Ademais, as solicitudes lideradas por persoal investigador que acudiu á convocatoria Ramón y Cajal 2025 teranse en conta nos criterios de valoración. Os proxectos realizaranse de forma individual, cun investigador principal e un equipo de investigación proporcional coas tarefas a realizar e deberán enmarcarse nas áreas temáticas das liñas de especialización do Campus Auga, que son alimentación funcional; agricultura e medio ambiente e xestión da auga termal.
A avaliación das solicitudes será efectuada por unha comisión que estará composta polo vicerreitor do campus de Ourense (Francisco Javier Rodríguez) e o director do Campus Auga (Roberto Ignacio Fernández), ou as persoas en quen deleguen; un representante do Comité de Dirección do Campus Auga e outro do seu Comité Consultivo de Persoas Expertas. A avaliación farase en base a dous tipos de criterios. O primeiro refírese á persoa solicitante (ata 30 puntos) e nel terase en conta o currículo relacionado coas áreas temáticas das liñas de especialización do Campus Auga e acudir á convocatoria Ramón y Cajal 2025. O segundo é a avaliación do proxecto (ata 70 puntos), téndose en conta a súa calidade, viabilidade, impacto, adecuación orzamentaria e a presenza de mulleres investigadoras. As axudas que se concedan destinaranse a financiar a investigación durante a anualidade 2026 e o plan de traballo presentado tamén deberá ser executado nesta mesma anualidade.
