Celebrada durante toda a mañá no edificio Miralles
A convocatoria Marie Sklodowska-Curie centra unha xornada informativa da OPI
A Área de Proxectos Internacionais de Investigación da Oficina de Proxectos Internacionais (OPI) da UVigo organizou este mércores unha xornada informativa centrada na convocatoria Marie Sklodowska-Curie Postdoctoral Fellowships (MSCA-PF) e Doctoral Networks (DN) (Horizonte Europa), na que ao longo da mañá persoal técnico da UVigo e da Universidad de Granada e persoal investigador da UVigo debullou diferentes aspectos da citada convocatoria, que ten a finalidade da apoiar a formación e desenvolvemento profesional do persoal investigador, a través do financiamento de programas de doutoramento excelentes, proxectos postdourais individuais e proxectos colaborativos.
Na sesión, que comezou coa benvida da vicerreitora de Investigación, Transferencia e Innovación da UVigo, Belén Rubio, a directora da Área de Proxectos Internacionais de Investigación e a técnica de Promoción de Proxectos Internacionais de Investigación da OPI da UVigo, Sabela González e Ana F. Mosquera foron as encargadas de realizar a introdución ás accións Marie Sklodowska Curie (MSCA) nas convocatorias de 2024. Pola súa banda, Cristina Martínez-Zaldívar, técnico de Promoción de Proxectos Internacionais na Oficina de Proxectos Internacionais da Universidad de Granada centrou a súa intervención nas recomendacións para a preparación dunha proposta MSCA-Individual Fellowships e MSCA Doctoral Networks
A xornada informativa rematou cunha exposición a cargo de Sabela González e de Encarnación Collado Cañas, técnico do Welcome Centre da Oficina de Relacións Internacionais da Universidad de Granada, sobre boas prácticas e estratexias para unha correcta incorporación de persoal investigador internacional e unha exposición de casos de éxito a cargo de persoal investigador da UVigo, USC e Ruhr-Universität Bochum e a experiencia como coordinador de MSCA DN e supervisor MSCA PF 2024 (UVigo) do catedrático Marcos Curty.