DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Protagonizarán os tres novos concertos do ciclo ‘Músicas para reCREAr’

Cora Velasco, Kalani e Os Xesteira súmanse á programación cultural do campus

A cantante pontevedresa actúa este venres no Teatro Principal

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Cultura
  • Música
  • Cultura
DUVI Pontevedra 11/10/2022

Promover un achegamento a múltiples estilos e tendencias musicais é un dos propósitos centrais do ciclo Músicas para reCREAr, que a Vicerreitoría do campus impulsa xunto coa Concellería de Promoción Económica e Universidades, ao abeiro dun convenio de colaboración, e que pechará 2022 con tres novas actuacións. A primeira delas correrá a cargo da artista pontevedresa Cora Velasco e terá lugar este venres 14 ás 21.00 horas no Teatro Principal, con entrada libre ata completar a capacidade da sala. Seguirana, neste mesmo escenario, o grupo de percusión Kalani, o luns 21 de novembro, e completará a esta programación o grupo de música tradicional Os Xesteira, que actuará no teatro o luns 19 de decembro.

“É un ciclo de concertos que tivo unha acollida bastante boa e co que queremos continuar”, salienta o director de área adxunto á Vicerreitoría do campus, Luis Torres, dunha programación na que buscan “ir cambiando de estilos”, co obxectivo de dar forma a unha programación cultural diversa e aberta a toda a cidadanía. Para retomar esta programación tras o verán, apostouse por unha artista pontevedresa como Cora Velasco, “unha actriz e música e unha persoa moi involucrada no tecido cultural da cidade”, sinala Torres. Tras iniciar a súa traxectoria musical baixo o pseudónimo de Cora Sayers e ofrecer máis de 200 concertos, realizar dúas xiras por dez países europeos e editar tres gravacións, decidiu dar un xiro á súa carreira en 2018, cando adopta o nome de Cora Velasco e publica Sortilegios, presentado como “o seu traballo máis persoal”. Esta gravación levouna ata festivais como Portamérica ou o Festival da Luz nos últimos anos, nos que combinou as súas actuacións coa produción de novas cancións.

Tras Velasco, a seguinte cita do ciclo Músicas para reCREAr será con Kalani Percusión, un grupo de artistas xurdido da Escola Municipal de Música de Caldas de Reis, mentres que en decembro o protagonismo será para a música tradicional galega. Concretamente, o ciclo pechará 2022 cun concerto de Os Xesteira, a formación que integran o gaiteiro Xaquín Xesteira, un dos fundadores de Treixadura e profesor da Escola Municipal de Vigo de Música Folk e Tradicional, xunto cos seus fillos Anxo e Roi, ao acordeón e o bombardino, respectivamente.