DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Enmarcado nas actividades da Cátedra Álvarez Ossorio

A Coral de Pontevedra e a Banda da Escola Naval protagonizaron o Concerto de Nadal

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Cultura
Ana Terceiro DUVI 18/12/2007

A Sociedade Coral Polifónica de Pontevedra xunto coa Banda da Escola Naval Militar de Marín protagonizaron o Concerto de Nadal que tivo lugar no auditorio do Centro Social Caixanova de Pontevedra. A calidade de ambas agrupacións fixo que os centos de asistentes disfrutaran cos ritmos e as melodías da música coral, clásica, militar e das panxoliñas máis populares.
Para dar comezo ao concerto a Coral Polifónica, baixo a dirección de Manuel Fernández Cayeiro, actuou en solitario tocando as obras Niño Dios de Francisco Guerrero, Matona Mia Cara de Orlando Di Laso, A Fe do Cego de José Verea Montero e Foliada de Salnes de P. José Míguelez. A continuación, e dirixidos polo comandante músico Francisco García Hurtado, a Banda de Música e a Coral Polifónica uníronse para deleitar aos espectadores coas obras La Gioconda de A. Ponchieli, Nabucco de G. Verdi, La Cacería Real de A. Hunting, Salve Marinera de Pudrid, Las Corsarias de F. Alonso, panxoliñas populares e para rematar un son máis académico, o Gaudeamus Igitur.
A actuación corresponde á programación de actividades da Cátedra Álvarez Ossorio que a Universidade mantén conxuntamente coa Escola Naval Militar.

Unha breve historia das agrupacións

A Banda de Música da Escola Naval Militar ten unha historia de case setenta anos xa que foi fundada no ano 1940, cando o centro castrense aínda estaba en San Fernando (Cádiz). Trasladada a Marín tres anos despois, permanece alí levando a cabo unha importante labor dentro de esta unidade militar que consiste en atender ás necesidades propias do seu oficial como render honores, xuras de bandeiras, despedidas e chegadas de alumnos e buques, marcar o ritmo nas paradas militares e outras cerimonias. Formada por 44 membros, a Banda ten tamén unha actividade complementaria con actuacións no exterior, acudindo alí onde se lle solicita para participar en concertos, procesións e actos de carácter militar.
Pola súa banda, a Sociedade Coral Polifónica de Pontevedra naceu dunha cordial reunión de amigos da música e actualmente está dirixida por Manuel Fernández Cayeiro. Actuou en moitas cidades españolas e no estranxeiro obtendo grandes éxitos. Está en posesión da Primeira Medalla de Prata da Cidade de Pontevedra, da Asociación Santa Cecilia de Marín e das Rutas Cicloturistas do Románico entre outras condecoracións.