DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Falaron no campus ao abeiro do curso 'Escola de Sustentabilidade e cidadanía local' 

Coralia, Adolfina e Yeni: testemuños en primeira persoa de activistas ambientais hondureñas

Participan nunha xira por Galicia da man de Enxeñería sen Fronteiras de Amigos da Terra

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Democracia
  • Igualdade
  • Internacional
  • Académica
DUVI 31/03/2022

As hondureñas Coralia Argentina Turcios, Adolfina Contreras e Yeni Karina Aguilar compartiron nas últimas horas a súa historia de loita coma activistas ambientais coas persoas asistentes ao curso Escola de Sustentabilidade e cidadanía local. Mulleres bravas defensoras da terra, organizado pola Vicerreitoría de Responsabilidade Social, Internacionalización e Cooperación da UVigo, en colaboración con Enxeñería sen Fronteiras e Amigos da Terra. As tres activistas, que están a percorrer Galicia ao abeiro do proxecto Mulleres Bravas, defensoras da vida, participaron no edificio Miralles do campus vigués nunha mesa redonda de intercambio de experiencias, aberta ao público, con mulleres do Grupo Comando Ghichas e da Asociación de Defensa da Ría de Vigo.

O proxecto Mulleres Bravas, defensoras da vida, impulsado por Amigos da Terra e Enxeñería Sen Fronteiras, co apoio da Asociación Galega de Comunicación para o Cambio Social (Agareso) e o financiamento da Xunta de Galicia, ten o obxectivo de dar a coñecer os impactos que sobre as persoas e o medio teñen os proxectos industriais e extractivos, tanto en Honduras como en Galicia, así como as alternativas sustentables, poñendo o foco na especial loita das mulleres defensoras da terra. 

Defensoras do ecosistema nun dos países con maior taxa de asasinatos de activistas

Ata o 6 de abril, Coralia Argentina Turcios, Adolfina Contreras e Yeni Karina Aguilar reuniranse en Galicia con diferentes colectivos e movementos ambientais ( Salvamos Catasós, Eólicos en Terra de Montes e de Forcarei, asociacións de persoas afectadas pola canteira de Budiño e polos aeroxeneradores na Serra do Galiñeiro…) ademais de participar en mesas redondas abertas ao público nas universidades de Vigo, Santiago e a Coruña. Tamén tomarán parte nun encontro aberto con representantes da Marcha Mundial das Mulleres en Ourense e reuniranse con Jesús Gamallo, Director Xeral de RREE e coa UE da Xunta de Galicia, como financiadores deste proxecto.

A delegación hondureña está formada por mulleres que forman parte de grupos organizados que defenden ecosistemas clave ou se opoñen a grandes obras extractivistas, un dos países do mundo con maior taxa de asasinatos de defensores dos dereitos humanos. Coralia Argentina Turcios é lideresa comunitaria e garda recursos voluntaria, unha especie de garda forestal para áreas protexidas e vida silvestre. Centra a súa acción na defensa do mangle da bahía de Chismuyo, un refuxio natural para miles de especies que no ano 2000 foi ameazado polos intereses persoais do alcalde da vila. Adolfina Contreras, mestra de profesión, é presidenta do Comité de crédito para o desenvolvemento económico local, forma parte da Mesa de Seguridade alimentaria e nutricional e  tamén do grupo impulsor para a defensa dos Dereitos Humanos nas comunidades. No ano 2013 unha corporación conseguiu de xeito presuntamente irregular a licencia para dragar un afluente dun rio do que dependían máis 12.000 persoas. Este foi o detonante para que Adolfina xunto con outros veciños e veciñas comezasen unha loita titánica contra esta actividade mineira, conseguindo declarar o seu municipio libre de minería no ano 2018. Pola súa banda, e con só 23 anos Yeni Karina Aguilar, xa acumula cinco batallando contra os megaproxectos fotovoltaicos que ameazan o seu pobo. Pola súa loita foi perseguida, criminalizada e denunciada. Está integrada nun programa de protección oficial de defensores e defensoras de Honduras. A pesar do perigo nunca cesou no seu empeño e co apoio do 97,3 % do pobo, conseguiron declarar o seu municipio como zona libre de Minería e Fotovoltaica. 

As activistas hondureñas completarán a súa estancia en Galicia con mesas redondas na Escola Técnica Superior de Enxeñería da USC e na Facultade de CC da Educación da UDC e encontros coas bases sociais de Amigos da Terra e Enxeñería sen Fronteiras, coa Marcha Mundial das Mulleres e o director xeral de RREE e coa UE da Xunta de Galicia, Jesús Gamayo.