Seleccionados entre máis de 150 candidaturas
Corenta “emprendementos disruptivos” presentaranse no Pont-Up Store 2025
O encontro desenvolverase o 19 e 20 de setembro
Presentado como “o evento de emprendemento máis importante do noroeste peninsular”, Pont-Up Store facía pública este mércores a relación das iniciativas empresariais seleccionadas para a súa décimo segunda edición, que terá lugar o 19 e 20 de setembro. Promovido pola Universidade de Vigo, no marco do Campus Crea, e organizado pola Asociación para o Emprendemento e a Innovación Pont-Up Store, este encontro permitirá coñecer 40 “emprendementos disruptivos”, como sinalan desde a organización.
Destes, un total de 32 contarán cun espazo na carpa do evento na praza de España, mentres que outros oito proxectos foron seleccionados para presentar os seus modelos de negocio no encontro Pont-Up Venture, dirixido a achegarlles oportunidades de financiamento.
As máis de 150 candidaturas recibidas “volven deixar dous datos moi claros sobre o ecosistema emprendedor galego”, sinalan desde a organización dun evento que conta coa colaboración de Concello de Pontevedra, Deputación Provincial e Xunta de Galicia. En concreto, nesta edición destacan novamente “as empresas con base no rural”, que representan máis do 59% das iniciativas presentadas, así como os proxectos liderados por mulleres, que representan máis do 60% das propostas recibidas.
Propostas innovadoras en múltiples sectores
Entre as iniciativas seleccionadas para esta nova edición dun evento dirixido a empresas con menos de tres anos e medio de traxectoria atópanse iniciativas como Agrolistik, “unha aplicación que pon en contacto a propietarios de leiras con tractoristas” e outros profesionais do sector forestal. Presentada como “un Uber para tractoristas”, trátase dunha iniciativa da empresa Agro4Impact, unha spin-off da Universidade de Vigo, desenvolvida coa axuda do programa Ignicia da Xunta de Galicia.
Por outra banda, a empresa Masel presentará no Pont-Up Store unha ferramenta de xestión para hostalería con intelixencia artificial integrada, mentres que Serenia Solucións dará a coñecer un asistente virtual orientado ás persoas maiores, que ofrece entretemento ao mesmo tempo que monitoriza distintos aspectos da súa saúde. Outra das propostas destacadas pola organización é Proa2 Care, un leite de inicio para lactantes procedente de vacas galegas en réxime de pastoreo.
Xunto a estas propostas, a innovación aplicada a sectores como o agroalimentario, o enerxético ou a cosmética natural forman parte dos 40 proxectos seleccionados, entre os que se atopan tamén diferentes iniciativas de artesanía e deseño con vocación sostible.
