DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Aberto á participación de toda a cidadanía, retoma a súa actividade o martes 4 de outubro

O coro do campus busca voces para iniciar unha nova etapa

Para participar non son precisos coñecementos musicais previos

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Arte
  • Cultura
  • Cultura
DUVI Pontevedra 30/09/2022

Tras iniciar a súa andaina no ano 2014 e protagonizar diferentes actuacións, dentro e fóra da Universidade, a pandemia freou nos últimos anos a actividade do coro do campus de Pontevedra. Despois de preto de dous anos de parón, a formación que dirixe o profesor Marco Lucato retomou os seus ensaios a comezos deste ano, aínda que a falta de novas voces impediu dar continuidade á proposta. Agora, co arranque do curso 2022/2023, o coro busca iniciar unha nova andaina incorporando novos membros cos que dar forma a un repertorio que se achegue tamén a novas tendencias musicais. Aberto á participación tanto da comunidade universitaria como do conxunto da cidadanía, esta agrupación retoma a súa actividade o vindeiro martes 4 de outubro e as persoas interesadas en participante poden inscribirse directamente ao inicio dos ensaios que, a partir desta xornada, levarán a cabo cada martes na aula 4 da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte.

Inserido na programación de actividades culturais e educativas dirixidas ao conxunto da cidadanía que pon en marcha a Vicerreitoría do campus, os ensaios desenvolveranse cada martes entre as 16.00 e as 18.00 horas. No primeiro cuadrimestre, esta actividade levarase a cabo entre o 4 de outubro e o 20 de decembro, para retomarse, xa en 2023, entre o 7 de febreiro e o 13 de xuño. Con inscrición gratuíta, as e os participantes que asistan cando menos ao 85% das horas totais da actividade recibirán un diploma acreditativo co que validar tres créditos ECTS.

Sen necesidade de coñecementos previos

Traballar o sentido do ritmo ou aprender a respirar correctamente son, como destaca Lucato, dous dos aspectos que axuda a desenvolver esta actividade, máis aló de “ampliar coñecementos musicais, coñecendo pezas de diferentes épocas e de diferentes partes do mundo”. Ademais, como destaca o seu director, para ser membro do coro do campus “non é necesario ningún coñecemento previo, só vontade e constancia”, xa que dedícase unha parte de cada sesión a traballar técnica vocal e adquirir unhas primeiras nocións de linguaxe musical a través do método Kodaly, para o que non son precisos coñecementos previos de solfexo.

Tras este primeiro bloque de contidos, o resto da sesión céntrase en ir preparando progresivamente un repertorio “no que sempre intentamos incluír pezas clásicas e modernas”, sinala Lucato. De feito, o obxectivo co que esta actividade inicia o curso é o de tratar de achegar á formación “unha nova visión acorde coas novas tendencias musicais”, como destacan desde a Vicerreitoría do campus.