DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A formación retomou os ensaios e busca incorporar novos integrantes

O coro do campus recupera a súa voz

Aberto tanto á comunidade universitaria como á cidadanía

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Estudantado
  • Música
  • Cultura
DUVI Pontevedra 05/05/2022

Dous anos despois de que a pandemia da covid-19 obrigase a deter a súa actividade, o Coro Universitario do campus de Pontevedra retomou nas últimas semanas a súa actividade. Dirixido polo profesor da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte Marco Lucato, trátase dunha formación aberta á participación tanto das e dos integrantes da comunidade universitaria como do conxunto da cidadanía e que busca incorporar novas voces. As persoas interesadas poden inscribirse a través do correo electrónico mlucato@uvigo.es e sumarse aos ensaios que levan a cabo desde hai unhas semanas no salón de actos da Escola de Enxeñaría Forestal nas tardes dos martes, en horario de 17.00 a 19.00 horas.

“Facíanos ilusión recuperar a actividade”, recoñece Lucato, da volta ao traballo presencial nesta iniciativa impulsada pola Vicerreitoría do campus, que iniciou a súa andaina en 2014. Tras este parón, o coro recuperou hai unhas semanas os seus ensaios coa participación dunha decena de membros, que a finais de marzo participaban na praza da Ferraría na iniciativa Coros por la paz xunto con outra serie de agrupacións da cidade. Nestes primeiros ensaios, a agrupación, conformada maioritariamente por alumnado do Programa Universitario de Maiores, comezou a traballar nun novo repertorio co obxectivo de poder participar proximamente nos actos de graduación que teñan lugar no campus. 

De cara a posibles novas incorporacións, Lucato destaca que se trata dunha iniciativa aberta “a calquera persoa interesada e para a que non se precisa ningún coñecemento musical”, que á súa vez permite aos e ás participantes traballar o seu sentido do ritmo, aprender a respirar correctamente ou ampliar os seus coñecementos musicais.