DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Cun ensaio conxunto con membros de Cruz Vermella Ourense

O coro do campus únese á conmemoración do Día Internacional das Persoas Coidadoras

Co obxectivo de contribuír a visibilizar as necesidades e problemáticas deste colectivo

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Cultura
  • Institucional
DUVI Ourense 03/11/2022

O sábado 5 de novembro conmemórase o Día Internacional das Persoas Coidadoras. Sensible ás necesidades e problemáticas deste colectivo, o campus de Ourense colabora con Cruz Vermella Ourense nunha das súas actividades co gallo desta data. Concretamente faino cun ensaio conxunto do Coro Universitario do Campus de Ourense Schola Cantorum e membros do grupo de persoas maiores e coidadoras de Cruz Vermella Ourense.

O ensaio terá lugar este xoves, día 4 de novembro, ás 18.45 h, na sala Emilia Pardo Bazán, no soto do Edificio de Ferro, e está aberto a toda persoa que queiran asistir como público, estando convidado tanto voluntariado como participantes dos proxectos de maiores de Cruz Vermella, familiares, amizades e calquera persoa que queira compartir este momento. As dúas agrupacións interpretarán os temas Terra e The Lion Sleeps Tonight.

Cansazo, fatiga, frustración...

Este Día Internacional das Persoas Coidadoras, indican desde Cruz Vermella Ourense, é unha data sinalada no seu calendario xa que “o apoio e a atención a persoas coidadoras é un dos proxectos principais dos dirixidos a persoas maiores”. O lema elixido nesta edición, indican, é “Para coidar non fai falla ser superheroes”, facendo referencia a que todas as persoas poden ser nalgún momento da vida coidadoras dalgún familiar. Así, lembran desde a entidade, case a metade das persoas que coidan a outras persoas dependentes son familiares directos (un 47,5%); na súa maioría, ademais, teñen nome de muller (88,5%). Outros datos apuntados por Cruz Vermella Ourense sinalan que o 62% das persoas que coidan de dependentes pasa máis de 6 horas ao día realizando estas tarefas, e 7 de cada 10 persoas leva máis de 3 anos coidando a unha persoa. Isto afecta ás persoas coidadoras, especialmente no seu tempo libre, que se ve afectado en máis dun 82% dos casos, e na súa vida familiar (70%) e relacións sociais en xeral (70%). Ademais, no 63,5% dos casos, os coidadores e coidadoras non profesionais teñen unha vida laboral activa, é dicir, traballan e coidan a outra persoa de maneira simultánea. Con todo, este esforzo non sempre se ve recoñecido e segundo os datos de Cruz Vermella só 1 de cada 2 persoas coidadoras atopan o apoio e recoñecemento social que merecen, e menos da metade (45%) reciben axuda económica por estas tarefas. O apoio psicolóxico, a pesar dos síntomas que experimentan, aínda está só presente no 41% dos casos.

“O cansazo, a fatiga, as dores de costas ou articulares, a frustración, a impotencia, a depresión, a soidade, a culpa, a ansiedade e a tensión ou o insomnio son só algúns dos principais problemas de saúde que Cruz Vermella detecta entre persoas coidadoras; a pesar de que quen os padecen sigan realizando as súas tarefas, ata no 57,5% dos casos, saben e cren que teñen que coidarse porque este feito afectoulle á súa saúde”, sinalan desde a entidade. Por todo iso, reivindican no Día das Persoas Coidadoras que se amplíe a oferta formativa no sector, que se reduzan as listas de agarda sanitarias, que se aumente o investimento en recursos, que se facilite a conciliación familiar, que se axilicen os trámites burocráticos, que se investigue e sensibilice máis á sociedade e que se dea maior difusión da rede de servizos dispoñibles para persoas dependentes, ademais de pedir espazos de encontro para persoas coidadoras.