DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A actuación tivo lugar este domingo na igrexa de Santa Mariña de Augas Santas

O coro do campus uniuse cun concerto á celebración do Día das Letras Galegas 2023

Baixo o título 'O Camiño Andado polo Río do Tempo'

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Cultura
  • Lingua Galega
  • Música
  • Cultura
DUVI Ourense 15/05/2023

A igrexa de Santa Mariña de Augas Santas acolleu este domingo pola tarde o concerto O Camiño Andado polo Río do Tempo, ofrecido polo coro universitario do campus de Ourense Schola Cantorum. Con el, a formación e a Vicerreitoría do Campus de Ourense quixeron unirse á celebración este 17 de maio do Día das Letras Galegas e á homenaxe ao escritor Francisco Fernández del Riego, protagonista desta edición.

O concerto, ao que asistiu Elena Rivo, vicerreitora do campus de Ourense, consistiu nun percorrido por todo o repertorio que leva traballando durante este curso académico o coro do campus, con referencias ao homenaxeado nas Letras Galegas de 2023. O repertorio estivo dividido en tres bloques de diferentes características. O primeiro centrouse na música sacra ou espiritual; o segundo, nas viaxes polo mundo, con cancións do continente americano e europeo; e o terceiro na “Galicia sentimental e as letras do noso tempo, sinais da nosa propia cultura”. Acompañando ás e aos cantores estiveron os músicos Alejandro Fírvida, no piano; Noel de Dios, na percusión; Víctor Guede, na guitarra e Chasua González, na pandeireta. Tamén contaron coa axuda de Víctor Fernández na gravación en vídeo.

A iniciativa xurdiu grazas ao convite por parte do párroco de Santa Mariña de Augas Santas, Eduardo Fernández, xa que este ano celebran o XIX centenario de Santa Mariña cuns actos que inclúen charlas sobre o santuario no Camiño de Santiago e actuacións musicais moi variadas, entre elas o concerto do coro do campus de Ourense celebrado este domingo.