DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A agrupación celebra un ciclo de charlas en diferentes centros

O coro entra nas facultades para explicar os beneficios da práctica musical

Nelas aborda os seus beneficios para a formación na infancia ou como terapia

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Cultura
  • Música
  • Cultura
Rosa Tedín DUVI Ourense 09/10/2018

Sempre buscando novas formas para achegarse á comunidade universitaria, o Coro Universitario do Campus de Ourense Schola Catorum está a celebrar un ciclo de charlas en diferentes centros que ten como obxectivo amosar o potencial da práctica musical nas diferentes áreas de estudo. Así por exemplo, este martes o alumnado de  Educación Infantil puido coñecer os beneficios que poden ter na formación dos nenos e nenas participar nun coro  infantil.

“Estas charlas son unha experiencia que puxemos en marcha este curso co obxectivo de dar a coñecer aos estudantes o noso coro e sobre todo de achegalos aos beneficios da experiencia do canto coral”, comenta Xabier Álvarez, director do Schola Catorum. Son moitos, apunta, “os prexuízos e a falta de coñecemento” que afastan á xente nova deste tipo de agrupacións polo que subliña a importancia de que as e os universitarios teñan un coñecemento directo do que é a realidade dun coro, “que é moito máis que unha agrupación de maiores para cantar nunha igrexa”.

Tendo en conta este descoñecemento, o Coro Universitario do Campus de Ourense organiza estes días charlas no marco de diferentes materias de varias titulacións nas que abordan, atendendo ás características de cada titulación, unha cuestión de interese para o alumnado. Así no caso de Educación Infantil este martes o director do coro e o seu cantor Aarón Abalo explicaron o que pode achegar a nenos e nenas formar parte dun coro infantil. Pola súa experiencia nunha agrupación deste tipo desde os 6 anos, Aarón Abalo salientou como nun coro infantil atopou “unha formación que me ía ser de utilidade no meu futuro e uns amigos que aínda teño a día de hoxe”. Noutras das charlas, neste caso en Educación Social e Enfermaría, outro dos cantores da formación conta a súa experiencia no coro universitario como forma de terapia que lle axuda a levar a enfermidade dexenerativa que padece.