DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A agrupación xa ensaia cada luns e xoves no Edificio de Ferro

O coro universitario busca novos membros

Non é necesario ter coñecementos musicais previos

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Cultura
Rosa Tedín DUVI Ourense 11/09/2018

Un novo curso académico máis o Coro Universitario do Campus de Ourense Schola Cantorum arranca a súa actividade e faino facendo un chamamento para que os membros da comunidade universitaria con gañas de aprender a cantar se unan a el. Para participar, recalcan, non fan falta nin coñecementos musicais nin experiencia previa, “só gañas de vivir a música”. 

Segundo explica Xabier Álvarez, director da agrupación, desde o pasado 3 de setembro, cada luns e xoves, de 20.00 h. a 21.30 h, o coro xa ensaia na aula de música do Edifico de Ferro, convidando a todas as persoas interesadas a achegar ata alí. “O coro ofrece aos participantes unha vivencia directa da arte musical sen necesidade de pasar por estudos académicos. Aos cinco minutos de estar con nós xa podes estar cantando, vivindo a música”, comenta o responsable do Schola Cantorum. Outro dos alicientes para entrar a formar parte deste coro, engade, é “o ambiente cordial, relaxado, de moito compañeirismo que temos, pois aínda que somos un grupo moi diverso de idades e intereses somos un grupo moi unido”. 

O Coro Universitario do Campus de Ourense, Schola Cantorum, naceu coma tal no curso académico 2009/2010 baixo os auspicios da Vicerreitoría do Campus despois dun período de catro anos funcionando coma un obradoiro cuadrimestral de canto. Arredor de 40 cantores e cantoras compoñen cada curso a agrupación, manténdose un grupo estable e renovándose parte del, principalmente alumnado que remata os seus estudos ou egresadas e egresados que por motivos laborais non poden continuar participando. 

Aposta pola diversidade 

Aberto á participación de alumnado, profesorado, persoal de administración e servizos e egresados e egresadas da Universidade de Vigo, Xabier Álvarez sinala como “sempre necesitamos reforzos”, este ano sobre todo de voces de mulleres sopranos. “Coma sempre non se esixe ningún tipo de coñecemento previo. Todo o mundo pode formar parte do coro porque todo o mundo pode cantar. A voz é algo natural, nacemos coa capacidade de cantar, só é cuestión de traballa. O que o ofrecemos no coro é precisamente educar a voz e o oído”, comenta o seu director.  

En actos de graduación e outros actos académicos e en concertos fóra do ámbito universitario, o coro volverá a deleitar este curso ás e aos espectadores cun repertorio que sempre se caracterizou pola variedade de estilos, épocas, culturas e idiomas que abrangue, incorporando música popular universal, galega, sacra, música pop ou bandas sonoras destacadas e dando unha especial atención aos compositores corais contemporáneos. “O que define o noso repertorio é o variado que é, gusta moito ao público”, comenta Xabier Álvarez. Ademais de continuar facendo moita incidencia en temas de música pop este curso “recuperaremos algúns dos nosos éxitos, como a peza Cantar de Nenos”, indica o director facendo fincapé en como ao longo dos anos “xa temos un repertorio de arredor dun centenar de partituras”. Con este repertorio, sinala, o reto para este curso académico volverá a ser “continuar aprendendo e divertirnos coa música”.