DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A tese de Malú Feijóo estuda os seus vínculos ao longo da historia da arte

Corpo e pintura, unha relación que nace na prehistoria e revive no século XX

Tomando como punto de partida a obra de Jackson Pollock, analiza máis de 80 artistas

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Arte
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 13/06/2019

As pinturas rupestres, nas que os humanos empregaban as mans para estender o pigmento e mesmo o seu propio sangue como materia pictórica, constitúen a primeira mostra na historia da relación entre corpo e pintura, que tras séculos de distanciamento recuperan os seus vínculos no século XX a partires da figura do pintor estadounidense Jackson Pollock. Partindo dunha revisión das vinculacións entre corpo e pintura ao longo da historia da arte e da súa recuperación a partires da figura de Pollock, a investigadora Malú Feijóo analiza e clasifica na súa tese de doutoramento a obra de máis de 80 artistas que “involucran o corpo no proceso creativo, dando lugar a unha nova disciplina, o body art”. A partires desta análise, Feijóo Cid propón na súa tese unha clasificación dos tipos de prácticas artísticas e das temáticas máis recorrentes nesta relación entre arte e corpo, aquelas relacionadas coa política, o feminismo e a identidade.

“A implicación do corpo na práctica artística asóciase convencionalmente a outras linguaxes como a arte de acción e a fotografía e esta tese demostra a profusión e intensidade coa que se abordou desde a pintura”, salienta Feijóo Cid, que explica que o novidoso da súa investigación radica en que esa relación co corpo abórdase poñendo o foco nos elementos que interveñen na creación dunha pintura”. Dirixida pola profesora da Facultade de Belas Artes Almudena Fernández Fariña, a tese Cuerpo y pintura. Extensiones del action painting de Jackson Pollock en la práctica artística contemporánea complétase coa análise que esta investigadora fai da súa propia práctica artística, “na que tanto o corpo como a pintura aparecen dunha maneira recorrente”. 

Un percorrido pola historia da arte

Nas pinturas rupestres constitúen un primeiro exemplo dunha “relación directa” entre corpo e pintura na historia; relación que, non obstante, non existiu “durante un amplo período da historia da arte”, xa que a busca dunha “representación fiel da realidade” levou aos pintores a empregar diferentes instrumentos “que separarán cada vez máis o corpo da pintura”. Non será ata finais do século XVIII cando esta distancia comece a acurtarse, unha vez “a representación obxectiva do mundo deixa de ser función da pintura”, explica Feijóo, que analiza na súa tese os cambios que neste eido provocaron movementos como o romanticismo e artistas como Manet.

Non obstante, será Jackson Pollock quen “rompa con todas as normas académicas de representación, recuperando a relación directa entre o corpo e a pintura”, cando, en 1947, cambia o seu modo de traballar, deixa de empregar as ferramentas típicas do pintor, “coloca a tea no chan, rodéaa e toma contacto corporal con ela durante o proceso pictórico”, dando lugar así a un “estreito diálogo entre corpo e lenzo”. Este xeito de traballar, definido como action painting, servirá como referencia a “artistas que posteriormente reinterpretarán a pintura de acción”, como Georges Mathieu, o grupo Gutai, Yves Klein, Allan Kaprow... Artistas que “comezan a involucrar o corpo no proceso creativo, pero distanciándose das características do action painting e camiñando cara unha nova disciplina, o body art”, movemento que, apunta, consolídase na década de 1970 con diferentes exposicións e publicacións. 

O corpo como pincel, soporte e materia pictórica

Tomando como referencia un artigo de Willoughby Sharp, Feijóo presenta na súa tese unha clasificación que agrupa a esta serie de artistas nas categorías do corpo como ferramenta pincel; como soporte pictórico, naqueles casos nas que este “exerce como unha función do lenzo ou actúa como unha extensión do mesmo"; e como materia pictórica, categoría que reúne aquelas prácticas que empregan como material fluídos corporais. Do mesmo xeito, a súa análise destas prácticas artísticas levouna a constatar, ademais de que “o legado de Pollock chega aos nosos días, manifestándose en profusas e diversas prácticas artísticas”, a existencia de tres temáticas recorrentes, feminismo, política e identidade. Así, Feijóo Cid analiza na súa tese diferentes exemplos de como, nas décadas de 1960 e 1970 “a muller converteu o seu corpo nunha ferramenta esencial de traballo na loita contra a dominación patriarcal” ou sobre como esa relación co corpo foi empregada tamén polos e polas artistas para abordar cuestións “que aluden a sistemas opresivos” e derivadas do “sistema sociopolítico da súa época”.  

Análise da propia obra

A tese complétase cun capítulo no que a artista pon en relación esta clasificación coa súa propia produción artística, que engloba obras nas que o corpo funcionou como pincel, como Espacios liberados, un proxecto que desenvolveu como gañadora do certame Novos Valores 2017, da Deputación de Pontevedra, e no que a capacidade das súas mans e o seu xesto definían as marcas rexistradas no lenzo. Do mesmo xeito, Feijóo Cid tamén empregou o seu rostro e as súas mans como soporte pictórico ou as súas bágoas como materia pictórica, ao igual que empregou o seu corpo como marco en proxectos como Espacios contenidos, no que “a pintura rechea espazos creados polo meu corpo” ou o mural Paisaje de ausencias.