DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Resultado dun obradoiro impartido pola directora Anxos Fazáns 

O corpo será o punto de partida das curtametraxes que once estudantes do campus estrearán en Novos Cinemas

Presentaranse o 9 de decembro, na xornada inaugural da décima edición do festival

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Charlas e seminarios
  • Cine
  • Cultura
  • Estudantado
  • Estudantes
DUVI Pontevedra 09/10/2025

Cine dende os corpos é o título do taller no que a directora, guionista e egresada da UVigo Anxos Fazáns guiará once estudantes das facultades de Comunicación e Belas Artes na ideación e desenvolvemento das curtametraxes que presentarán na décima edición de Novos Cinemas. Promovido pola Vicerreitoría do campus de Pontevedra xunto co festival, este obradoiro propón ao alumnado achegarse ao “compoñente físico do cinema”, como apunta Fazáns, para crear a partir deste unha serie de pezas, tanto de ficción como de non ficción, que estrearán o 9 de decembro, na xornada inaugural do festival.

“O punto de partida é cine desde os corpos, pero nun sentido moi amplo. Non quere dicir que os corpos teñan que estar explicitamente en pantalla”, sinala Fazáns, que busca reflectir con esta idea o seu interese por “cando o inconsciente gaña a partida nos procesos de creación”. Nese senso, co título deste obradoiro buscaba reflectir a súa forma de traballar como cineasta. “Sempre sinto que tomo as decisións dende o corpo. É unha maneira de estar presente e de relacionarte coas cousas que filmas ou que pensas filmar”, explica esta egresada da Facultade de Comunicación, que estreará proximamente a súa segunda longametraxe, As liñas descontinuas

“Sempre hai algo que ten ver con poñer o corpo, expoñerse, prestarse, deixarse ir ou incluso desaparecer na película”, salienta esta cineasta no texto de presentación dun obradoiro no que buscará “acompañar o proceso creativo do alumnado, partindo destas ideas sobre o compoñente físico do cinema, pero dando total liberdade para a creación”. De feito, unhas das cuestións nas que busca pór o foco, explica, é “nesa fase de pensar o proxecto”, de deixar “tempo para procesar e darlle forma ás ideas” e facer aflorar esa “parte máis intuitiva” do cinema.

Dous meses de traballo individual e colectivo

Aberto tanto a alumnado do campus como de tituladas e titulados o pasado curso, once mozas e mozos formados nos graos en Comunicación Audiovisual e Belas Artes foron seleccionados para a décima edición deste taller, que desenvolvía a súa primeira xornada de traballo na Facultade de Comunicación. Previamente, a vicerreitora do campus, Eva María Lantarón, e o codirector de Novos Cinemas, Suso Novás, deron a benvida ás e aos participantes nun obradoiro que alén de supor unha “experiencia formativa”, tamén serviralles como “referencia a nivel profesional”, salientou Lantarón. 

Inserido no programa formativo do festival, Aula, este obradoiro dá continuidade a talleres que levaron o alumnado do campus a traballar con cineastas como Oliver Laxe, Jaione Camborda, Lois Patiño ou Álvaro Gago. Desta volta, a directora escollida é unha “exalumna dunha das facultades que nos últimos anos máis e mellores profesionais está sacando na nosa comunidade”, salientou Novás, e que realizou tamén na UVigo un mestrado en arte contemporánea. O codirector do festival definiu a Fazáns como unha profesional “que coñece todos os procesos de produción dun filme”. Non en van, ao seu traballo como directora e guionista súmase o feito de que en 2018, ano no que estreou a súa primeira longametraxe, A estación violenta, impulsou xunto á tamén titulada da Facultade de Comunicación Silvia Fuentes a produtora Sétima. 

“Para min é volver a casa” recoñecía Fazáns tanto do feito de retornar á facultade como de participar nun festival que “xusto naceu cando acababa de graduarme”, lembra. “Faime moita ilusión, porque ademais o concepto deste taller atráeme moito, porque gústame acompañar procesos”, salienta a responsable deste obradoiro, no que, partindo da premisa proposta, o alumnado ten “liberdade total para traballar o que máis lle interese”. 

Nese senso, o seu obxectivo na primeira xornada foi tratar de achegar “a miña maneira de facer”, presentándolles un conxunto de referencias aos seleccionados e seleccionadas para este taller; Tristán Rodríguez, Gema Rodríguez, José García, Sara Ricoy, Sofía Melón, Elías González Ángel Cea, Gema Vergara, Susana Llorente, Andrés Álvarez e Ana Rodríguez. “A idea é que os seguintes días sexan máis de recibir as súas ideas e ir traballando xuntos”, sinala. De feito, aínda que, co seu asesoramento, cada participante realizará a súa propia curta, o obradoiro promoverá tamén unha “posta en común” dos proxectos nas súas diferentes fases de desenvolvemento.

Obradoiro de edición de partituras

Alén deste taller con Novos Cinemas, a programación cultural da Vicerreitoría do campus suma tamén un novo obradoiro, aberto a toda a cidadanía e centrado na edición de partituras con MuseScore. Con 20 prazas e a inscrición xa aberta na plataforma CampusActivo, trátase dun curso de 15 horas, que se desenvolverá entre o 15 de outubro e o 19 de novembro e que permitirá iniciarse no manexo deste software libre para edición e notación de partituras musicais. Impartido pola música e profesora da UVigo Susana Blanco, o obxectivo deste obradoiro é amosar ás persoas participantes a configurar e iniciarse no manexo desta ferramenta, que permite “crear, editar, reproducir e imprimir partituras musicais de forma profesional”. 

Como recolle a súa convocatoria, este taller ponse en marcha co obxectivo de “fortalecer a oferta formativa” dun campus que conta con grupos de música e coro. De feito, trátase dunha proposta “especialmente dirixida” aos e ás súas integrantes, mais aberta tamén a calquera persoa interesada na notación musical e na súa aplicación educativa.