DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A EE Forestal será unha das sedes desta iniciativa, na que participan dez centros de ensino

A covid-19 converte Pontenciencia nunha semana de actividades

A partir do luns, desenvolveranse once seminarios

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Divulgación
  • Medio Ambiente
  • Saúde
  • Estudantes
DUVI Pontevedra 04/11/2020

A crise sanitaria obrigou neste 2020 a reconverter Pontenciencia nunha semana de actividades de divulgación científica nas que participarán alumnos e alumnas de dez centros de ensino de Pontevedra. As restricións ás que obriga a covid-19 impiden o desenvolvemento da feira de expositiva na que cada ano se presentaban na Escola de Enxeñaría Forestal os proxectos e experimentos desenvolvidos polo alumnado dos diferentes centros participantes, reconverténdoa nunha semana de actividades ás que asistiran grupos reducidos de estudantes. Promovido pola Concellería de Educación, en colaboración coa Universidade de Vigo e co financiamento da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (Fecyt), do Ministerio de Ciencia e Innovación, Pontenciencia 2020. VII Feira da miniciencia. Que o coñecemento non pare! desenvolverá o seu programa de actividades entre o 9 e o 16 de novembro, tendo como sedes a EE Forestal e os dez centros educativos participantes.

Os CEIP Froebel, San Martiño, Marcos da Portela, Praza de Barcelos, Parada Campañó, San Benito de Lérez e A Xunqueira II, o CFEA Lourizán, o IES Luis Seoane e o CPR Sagrado Corazón son os centros participantes nesta nova edición de Pontenciencia. “´É un proxecto que ten como obxectivo desenvolver o pensamento investigador” e que “pon ao alcance dos cidadáns un conxunto de ferramentas e actividades que proxectan unha visión dinámica e atractiva da ciencia, a tecnoloxía e a innovación”, salientou o tenente de alcalde e concelleiro de Educación, Tino Fernández. 

Liques e lumes forestais

Ciencia sonora, cerámica prehistórica, mulleres científicas, coñecemento do ceo nocturno ou a aplicación das novas tecnoloxías á análise dos lumes forestais son algunhas das cuestións que se abordarán nas once actividades ofertadas para primaria e secundaria. Dúas delas terán como sede a Escola de Enxeñaría Forestal, os talleres Liques como indicadores da biodiversidade e Novas tecnoloxías aplicadas aos incendios. O primeiro proporá aos e ás escolares “confrontar a biodiversidade” dun bosque autóctono galego, como por exemplo unha carballeira, cunha plantación de eucaliptos, a través do uso dun “índice de biodiversidade liquénica”, adaptado para esta iniciativa. Este taller levarase a cabo o vindeiro luns, coa participación de 22 estudantes do CFEA Lourizán, e de novo o mércores 11 e luns 16, con 44 estudantes do CPR Sagrado Corazón. 

Tamén o vindeiro luns, con 20 alumnos do CFEA Lourizán, desenvolverase por primeira vez un taller no que os representantes da EE Forestal achegarán o alumnado á teledetección, a través das imaxes tomadas polos satélites Sentinel, do programa da Axencia Espacial Europea Copernicus, con exemplos prácticos dos incendios forestais vividos en 2017 na provincia de Pontevedra e no presente ano en Ourense, así como da deforestación do Amazonas. Esta actividade, que se desenvolverá de xeito virtual co alumnado de primaria, terá lugar de novo o martes 50 alumnos do CEIP Praza de Barcelos e o mércores estudantes de bacharelato do Sagrado Corazón e estudantes do IES Luis Seoane.