DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O programa itinerante de formación universitaria para os maiores de 50 anos volve co novo curso

A covid-19 non frea as Mareas do Coñecemento

A primeira sesión está a desenvolverse este mes en Gondomar

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Estudantado
  • Académica
M. Del Río DUVI 24/09/2020

En grupos máis pequenos para manter a distancia de seguridade e con todas as medidas sanitarias vixentes, as Mareas do Coñecemento volven co inicio do curso académico. A pandemia da covid-19 non foi quen de frear este programa itinerante de formación para maiores de 50, que arrancou a pasada semana en Gondomar deixando unha lista de agarda tan ampla como a de persoas inscritas. E é que as e os maiores amosan, unha vez máis, que as ansias de coñecemento e experiencias non saben de barreiras de idade.

Esta iniciativa, posta en marcha pola Vicerreitoría de Captación de Alumnado, Estudantes e Extensión Universitaria, naceu hai dous anos como unha expansión do Programa Universitario para Maiores. Desta volta, en lugar de que sexan os estudantes sénior os que se trasladen aos campus, é a propia Universidade a que se achega á poboación rural maior de 55 anos, que ten dificultades para acceder ás instalacións das escolas e facultades. Deste xeito, a UVigo leva aos  concellos da contorna un programa formativo nos ámbitos da xeografía, arte e cultura; ciencia e medio ambiente e saúde, benestar e deporte.

O programa, durante este mes de setembro en Gondomar

A primeira cita deste curso coas Mareas do Coñecemento está a desenvolverse ao longo deste mes de setembro no concello de Gondomar. Como explica José Luis González Cespón, responsable do Programa de Maiores, por mor da covid-19 optouse por facer “dous grupos simultáneos con 15 persoas cada un, en total son 30 as e os inscritos, e temos unha lista de agarda de outras tantas persoas”. O programa comprende tres seminarios sobre novas tecnoloxías, saúde e historia, que se imparten de xeito alterno a cada un dos grupos.

As primeiras sesións tiveron lugar os días 17 e 18, centradas na saúde e o benestar ou no uso de ferramentas no teléfono móbil. O alcalde de Gondomar, Francisco Ferreira, e a concelleira Rocío Goberna, foron os encargados de inaugurar os seminarios, que teñen lugar na Casa da Cultura e no Centro Neural.
Durante as dúas tardes, un dos grupos puido familiarizarse coa configuración dos teléfonos, o WhatsApp e as videochamadas, a lectura de código QR, as aplicacións de banca electrónica e pago, así como con outras utilidades como a solicitude de citas médicas, o GPS ou as aplicacións para a localización de persoas. O segundo grupo, dan man do profesor da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte José Luis García Soidán, recibiu unhas nocións básicas sobre a actividade física saudable para o día a día para despois realizar un roteiro de sendeirismo con comezo e final na Igrexa de San Cristovo Couso.

O terceiro seminario que completa o programa, que un grupo desenvolve esta semana e o outro a vindeira, centrarase na arte e a historia, da man de profesorado do Programa Universitario de Maiores da Universidade. Unha primeira sesión abordará o patrimonio do Concello de Gondomar dende o punto de vista arqueolóxico, etnográfico, histórico e arquitectónico, mentres que a segunda consistirá nunha visita a xacementos e elementos de interese patrimonial no concello.

As próximas paradas das Mareas do Coñecemento están previstas nos concellos de As Neves e en Tui dentro dun mes.