DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Na súa sesión plenaria celebrada este martes

A creación da Facultade de Relacións Internacionais recibe o visto bo do Consello Galego de Universidades

Continúa a súa tramitación co obxectivo de iniciar a súa actividade no curso 2022/2023

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Reitor
  • Institucional
DUVI Ourense 08/02/2022

O Consello Galego de Universidades informou, na súa sesión plenaria deste martes, favorablemente a proposta de creación da nova Facultade de Relacións Internacionais do campus de Ourense. Na xuntanza avaliouse a proposta da Universidade de Vigo para a creación deste novo centro, que recibiu o apoio unánime do conxunto dos integrantes deste órgano.

A reunión, presidida polo conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, contou coa participación dos reitores da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa; da Universidade de Santiago de Compostela, Antonio López, e da Universidade da Coruña, Julio Abalde. Na sesión plenaria tamén se informou favorablemente a proposta de creación das facultades de Deseño e de Dirección e Xestión Pública no campus de Pontevedra.

Segundo indican desde a consellaría, a creación desta facultade responde á necesidade de mellorar a singularidade da oferta nesta rama de coñecemento, xa que está prevista a próxima implantación dunha titulación de Grao en Relacións Internacionais. Este Grao en Relacións Internacionais está previsto que teña carácter interuniversitario e que se imparta nesta Facultade de Relacións Internacionais do campus de Ourense xunto coa Universidade da Coruña. A Facultade de Relacións Internacionais comezaría a súa actividade no edificio Xurídico-Empresarial do campus de Ourense, para posteriormente localizarse nun edificio propio, cedido ou construído. Segundo as previsións recollidas na súa memoria, a facultade contaría con 187 estudantes e 15 profesores equivalentes a tempo completo e iniciaría a súa actividade no curso 2022/2023.

Un paso adiante no proceso

O proceso para a creación destas facultades iniciouse en outubro de 2020, cando o Claustro da Universidade de Vigo aprobou instar ao Consello de Goberno a iniciar os expedientes de creación destes novos centros. En marzo de 2021, o órgano de goberno encargou ás correspondentes comisións a elaboración das memorias de creación das facultades. No mes de xuño, estas foron informadas polo Claustro e, ao mes seguinte, aprobadas polo Consello de Goberno da UVigo. Tras ser informadas tamén polo Consello Social da Universidade de Vigo, foron remitidas ao Consello Galego de Universidades. Tras o seu informe favorable nesta xornada, terán que ser aprobadas tamén polo Consello da Xunta, remitidas ao Registro Universitario de Centros e Titulaciones (RUCT), publicadas no DOG e comunicadas á Conferencia General de Política Universitaria para completar o procedemento.