DUVI

Diario da Universidade de Vigo

As obras de dez estudantes do máster en Arte Contemporánea reúnense en ‘A exposición’

A creación e investigación do alumnado de Belas Artes proxéctase no Museo de Pontevedra

As pezas constitúen os seus traballos de fin de mestrado

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Pontevedra
  • Arte
  • Estudantes
DUVI Pontevedra 28/06/2019

A Exposición é o título da mostra que reúne no Sexto Edificio do Museo de Pontevedra as obras de dez estudantes do máster en Arte Contemporánea. Creación e Investigación da Facultade de Belas Artes. Obras que constitúen ou forman parte dos seus traballos de fin de mestrado, que en moitos dos casos defenderán nas próximas semanas no propio museo e que, polo tanto, son tamén o resultado do traballo de creación e investigación artística que levaron a cabo ao longo do curso. Ata o 28 de xullo poderá visitarse unha exposición que presenta “novos artistas e novas sensibilidades, que sintetizan e constrúen, baixo a mirada nerviosa da súa curiosidade, outra concepción da arte”, salienta o profesor Juan Carlos Román, coordinador desta mostra xunto a tamén docente da facultade Chelo Matesanz.

Elena Álvarez, Loreto Arnaz, Xosé Eirín, Aida López, Alicia Martínez, Mario Menéndez, Berta Pan, Brais Remeseiro, Diego del Río e Alexandra R. Rey son os e as protagonistas da exposición inaugurada na tarde deste xoves, nun acto que contou coa participación do vicerreitor do campus, Jorge Soto; o deputado provincial de cultura, Xosé Leal, e o director do Museo de Pontevedra, José Manuel Rey. “Trátase da posta en escena cara a cidade de Pontevedra da actividade que desenvolven os alumnos do máster”, engade Román sobre unha mostra que alude no seu título, como “unha forma silenciosa de declaración rotunda”, á importancia que esta actividade ten para o alumnado do máster, tendo en conta ademais, lembrou, que se trata da última edición dun mestrado que non continuará impartíndose o vindeiro curso.

Interese común polas formas naturais e a abstracción

Escultura, pintura, instalacións, fotografía ou arte sonora conviven nunha exposición marcada polo “carácter experimental e investigador” duns proxectos que, en boa parte dos casos, os autores e autoras defenderán na propia sala diante do tribunal avaliador dos seus traballos de fin de mestrado, integrado por tres docentes e un profesional de recoñecido prestixio no ámbito artístico. “Digamos que transformamos o museo nunha aula da facultade”, salienta nese senso Román. 

Non obstante, aínda que as obras que integran a exposición son o resultado da investigación artística de cada participante, no conxunto da mostra amosase “latente un interese polas formas naturais, polas formas azarosas e non definidas”, observa o coordinador desta exposición xunto con Matesanz. Un interese común, engade, “polas formas biomórficas ou naturais que xorden a través da espontaneidade e o azar”, unha tendencia que na actualidade “ten unha importancia radical na arte contemporánea”. Do mesmo xeito, este interese común deriva tamén no predominio nesta exposición dunha serie de creacións próximas abstracción e as formas non definidas, que mesmo caracteriza algún dos proxectos de arte sonora que forman parte da mostra.

Proxectos nos que conflúen intereses e disciplinas

Na exposición destaca tamén o interese de varios dos artistas polo uso da cerámica “como unha práctica contemporánea emerxente”, xa que en varios dos proxectos valéronse de elementos e procedementos cerámicos, que utilizaron, explica Román, “fóra da ortodoxia, en función dos seus intereses plásticos”. Así, por exemplo, Elena Álvarez combina cerámica, vídeo e arte sonora na súa proposta, mentres que Loreto Arnaz tamén fai uso da cerámica xunto co debuxo no seu proxecto. Do mesmo xeito, estes materiais tamén están presentes na obra de Alicia Martínez, ao igual que na de Aida López, no seu caso en combinación coa pintura abstracta. 

Por outra banda, A Exposición reúne propostas como a de Xosé Eirín, quen presenta unha instalación definida por unha estrutura mecánica presidida por unha sorte de acuario, con peixes no seu interior, mentres que Brais Remeseiro achega unha serie de fotografías que teñen como punto de partida a súa visita a un depósito de cadáveres e coas que reflexou, explica o coordinador da exposición, no proceso de extracción das vísceras. Deste xeito, proxéctanse no seu traballo esas “formas corpóreas” que tamén se poden observar na pintura e escultura propostas por Mario Menéndez, ao igual que na peza que Alexandra R. Rey desenvolveu facendo uso de materiais téxtiles. Na exposición están presentes así mesmo, creacións en vídeo como as de Berta Pan ou fotografías como as de Diego del Río, que combina as imaxes dunha viaxe a Marrocos cunha pintura de grandes dimensións.