DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O festival S8, da Coruña, dedica un novo espazo á ensinanza do cinema experimental

As creacións do alumnado de Belas Artes proxectaranse na Mostra de Cinema Periférico 

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Arte
  • Cine
  • Cultura
  • Estudantado
  • Estudantes
DUVI Pontevedra 25/05/2021

Entre este venres 28 de maio e o 6 de xuño, desenvólvese na Coruña a décimo segunda edición da S8-Mostra de Cinema Periférico, que nun programa que combina as proxeccións presenciais cunha ampla programación online estrea un novo espazo dedicado ao ensino académico do cinema experimental, no que é protagonista a Facultade de Belas Artes. Baixo o título de Quen son? Auto-etnografías fílmicas de artista, o festival inclúe na súa programación a proxección de seis “películas persoais” realizadas polas estudantes da facultade Laura Cid, Marta Gil, Valeria Martínez, Raquel Álvarez, Lili Lago, Claudia Pineda e Tamara Goberna. Filmes nacidos no contexto académico, no marco de materias como Imaxe en movemento e Produción artística audiovisual, do grao en Belas Artes, ou no taller que cada ano promoven o Festival Novos Cinemas e a Vicerreitoría do campus.

Trátase, como informa a organización do festival, que a asociación eSe8 impulsa co apoio do Concello e a Deputación da Coruña, a Xunta de Galicia e o Instituto de la Cinematografía y de las Artes Audiovisuales (ICAA), dun novo espazo dedicado á ensinanza do cinema experimental no que poderán verse varios traballos producidos desde a facultade, iniciando á súa vez “unha conversa entre esta e a Facultade de Belas Artes de Cuenca”. Comisariada pola profesora da facultade Xisela Franco, esta sección permitirá ver, o domingo 6 de xuño ás 12.00 horas en Palexco, unha serie de “ensaios fílmicos”, xurdidos nun contexto de pandemia, como lembra esta docente e cineasta no texto de presentación da actividade.

Filmes que nacen da introspección en tempos de pandemia

Concretamente, este festival permitirá coñecer creacións como Diálogo, de Laura Cid, presentada como un “baile de pintura derramada”, ou Eterno retorno, de Marta Gil, “unha mensaxe confesional a un ser querido en tempo de corentena”. Valeria Martínez e Raquel Álvarez, pola súa banda, presentan Nome Feminino Plural, a peza na que afondan nos procesos que implica coñecer a outra persoa, nacida no obradoiro O ceo a medio facer, impulsado pola Vicerreitoría e o Festival Novos Cinemas. Como un “ensaio poético, confesional e meditativo no que a autora explora os seus dilemas persoais en torno ao seu corpo, xénero e sexualidade, para rexeitar os roles de xénero” preséntase No binare, a creación da alumna Lili Lago; mentres que en El viaje, Claudia Pineda “reflexiona sobre o sentido da viaxe a través dunhas imaxes gravadas pola súa avoa en China en 1988, un ano antes da masacre de Tiananmen”. Por último, esta sección complétase con ¡Eh, tú! Mala pécora, un “ensaio visceral de xuventude na procura da identidade”, na que Tamara Goberna combina imaxes actuais e da súa infancia. 

Deste xeito, esta Mostra de Cinema Periférico incorpora a súa programación, integrada por case 130 filmes, a mirada dunha serie de alumnas que, como salienta Franco no texto de presentación deste espazo, “aproxímanse á linguaxe audiovisual dende o plástico, o escultórico ou o performativo” e “entenden o cinema como unha forma de coñecemento artístico equiparable á fotografía, a instalación, a performance ou a pintura, disciplina que tamén exploran ao longo da súa carreira universitaria”. 

Por outra banda, dúas ex-alumnas da facultade, Sol Mussa e Marta Valverde forman parte da sección Sinais en curto do festival, tanto na súa parte presencial como virtual, xunto ás de Alberto Gracia, Xacio Baño e Eloy Domínguez Serén. De feito, como informou a organización, máis aló da programación presencial en sala, o festival contará con especiais monográficos dedicados a cada un destes cineastas, nos que os seus comentarios se verán complementados polo visionado de traballos previos que permitan pór en contexto os intereses que se atopan detrás das súas obras.