DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O Teatro Principal acolle as proxeccións das curtas xurdidas dun obradoiro impartido por Eloy Enciso

As creacións do alumnado do campus abren o terceiro festival Novos Cinemas

As pezas inspíranse na paisaxe e as memorias do Lérez

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Pontevedra
  • Cine
  • Cultura
  • Estudantes
DUVI Pontevedra 11/12/2018

A terceira edición de Novos Cinemas, o festival promovido pola produtora Matriuska xunto ao Concello de Pontevedra e a Vicerreitoría do campus, levantou o seu pano na tarde deste martes e fíxoo levando a pantalla as pezas que dez alumnos e alumnas do campus realizaron tomando as paisaxes e as memorias vinculadas co río Lérez como fonte de inspiración. Antes do acto de apertura desta noite, no que se proxectará a película Apuntes para unha película de atracos de Elías León Siminiani, Novos Cinemas abría o seu programa coa proxección dos resultados de Un camiño posible, o obradoiro que impartiu nos últimos meses no campus o cineasta Eloy Enciso, que esta tarde presentaba no Teatro Principal xunto ao vicerreitor do campus, Jorge Soto, e os alumnos e alumnas das facultades de Belas Artes e Ciencias Sociais e da Comunicación seleccionados para un taller inserido no programa formativo #Aula do festival.

O momento da estrea

“Presentar as nosas pezas como apertura do festival supuxo moitos nervios e certa presión ao longo de todo o obradoiro, que en parte axudou a que intentásemos buscar sempre o mellor resultado posible”, salienta Sara Piñeiro, estudante do grao en Comunicación Audiovisual, que presentaba Non penan, non, unha peza que “nace do desexo de que os seres queridos que xa non están con nós estean descansando en paz”, que emprega o Lérez como “un espazo encantado e máximo onde as almas poden ser libres”, explica. “Paréceme unha grande honra ter a oportunidade de ensinar unha pequena parte do meu traballo nun festival tan importante como Novos Cinemas”, engade a alumna de Belas Artes Rocío Garrido, quen pon tamén o acento no positivo da colaboración vivida nestes meses cos seus compañeiros e compañeiras nun obradoiro no que deu forma a Naked and afraid, unha peza na que emprega a contorna natural do Lérez para crear “un especie de reality show”, que leva a curta “cara o máis absurdo, a modo de crítica ou reflexión” sobre a sociedade actual e o funcionamento dos medios de comunicación. 

Internándose nun camiño posible

Traballar cos mínimos elementos posibles foi a proposta que Enciso, director de filmes como Arraianos e beneficiario, en 2016, da bolsa Radcliffe da Universidade de Harvard, trasladou aos e ás participantes neste obradoiro. “A experiencia no taller foi moi frutífera, desde o primeiro momento Eloy convidounos a que creásemos pezas distanciadas do ámbito do que se presupón como o profesional, experimentando cunha linguaxe e unha narrativa máis pausada e meditada”, salienta Daniel Arana, quen sinala que este taller permitiulles “ter unha mirada nova sobre o cotián”, á vez que a afondar na "importancia da síntese narrativa", a ter en conta que "se pode chegar a contar moito máis con menos elementos". Alumno de Comunicación Audiovisual, Arana presentou Alén, unha curtametraxe de “corte poético que reflexiona sobre cuestións de carácter ontolóxico como a relación co outro, a espera ou o amor”, que tomou como punto de partida o propio río e como este “sabe adaptarse á orografía do terreo sen perder nunca a súa esencia”. O obradoiro tamén “pór en común” os traballos dos diferentes creadores e creadoras, unha proposta “moi enriquecedora”, como lembra Arancha Álvarez, estudante tamén de CCSS e da Comunicación e autora de A typical morning, “unha peza documental estruturada a partir do achado de dous animais no río”, que presenta un mundo rural “no que o espectador vai creando unha imaxe mental do pasado e do presente”. 

Do antigo balneario á lenda de Teucro 

A concepción da contorna do Lérez como un “contedor de historias” proposta por Enciso neste seminario levou tamén aos e ás participantes a deterse en elementos como os restos do antigo balneario que captaron a atención de Ana Pérez Valdés e levaron a esta alumna de doutoramento de Belas Artes a abordar os conceptos "do apolíneo e o dionisíaco como forzas enfrontradas” en Hydra unha “peza moi sensorial”, na que non hai diálogos, “unha especie de fábula” arredor da transformación dos corpos na que contou coa colaboración de catro deseñadoras formadas en Esdemga, Miriam G. Calaza, Sara Vigo, Inti Nuñez e Andrea Flórez. 

Por outra banda, as marismas da Xunqueira de Alba foron o espazo empregado por Pedro Vilas para dar forma a Ro(ber)to, unha curta que, sinala, é resultado “dun proceso de exploración tanto da contorna do río Lérez como persoal”, na que “foi o lugar quen me deu a historia”, unha curta que fala “da soidade e da necesidade de esconderse e abstraerse da realidade”, explica este alumno de Comunicación Audiovisual. Tamén estudante desta titulación, Pablo Aguilar propón “unha volta de porca ao mito do arqueiro troiano Teucro e a fundación de Pontevedra” en Leucoíña!, unha peza que, sinala desde o inicio visualizou como “unha fábula” o que o levou a empregar a natureza do Lérez como un “espazo máxico e atemporal”.

O río como nexo cunha “realidade máis onírica”, contraposta á realidade que, ambientada nun almacén de traballo, viviu durante dous meses como bolseira en Londres constituíu por outra banda o eixo en torno ao que Sol Mussa deu forma a Stockroom, unha curta que esta alumna de Belas Artes define como “moi experimental”, como "un exercicio de deixarme levar tal e como son”, e que tamén se estreou neste primeiro acto de Novos Cinemas xunto a Lárlésienne, da alumna de Belas Artes Olalla Grüeiro e (Miro)te, da estudante de CCSS e da Comunicación Beatriz Pereira, quen destaca o interese que lle suscitou a premisa deste obradoiro de "atopar unha historia na miña contorna", o que a acabo levando a dar forma a "un retrato documental" de seu pai que toma como punto de partida "o tempo pasado no Lérez con el".