DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Na exposición ‘Digitarte’, comisariada por dúas estudantes da facultade

As creacións dixitais do alumnado de Belas Artes proxéctanse na Casa da Luz

A Vicerreitoría do campus acolle nestes días unha mostra de ‘fanzines’

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Arte
  • Cultura
  • Estudantado
  • Estudantes
DUVI Pontevedra 22/01/2020

28 obras de diferentes formatos, estilos e temáticas, pero cun punto de partida común, que foron realizadas exclusivamente a partires de medios dixitais, reúnense desde este mércores na Casa da Luz, na exposición Digitarte. Impulsada polas alumnas de Belas Artes Carla Castro e Constanza Ferrada como un traballo académico, esta exposición, patrocinada pola Concellería de Promoción Económica e Turismo, presenta as creacións de dez artistas, na súa meirande parte estudantes ou egresados e egresadas da facultade. “Trátase de obras de diferentes estilos, con diferentes intereses e temáticas e buscamos que fosen obras de artistas novos, de compañeiros da facultade, porque a idea era tamén dalos a coñecer”, salienta Castro.

O propósito da exposición, inaugurada este mércores, “é darlle valor aos artistas que están traballando con técnicas dixitais”, e pór de relevo ás “facilitades” que este soporte supón para as e os artistas, tanto á hora de crear sen necesidade de realizar un investimento en materiais como polas “posibilidades de compartir” ás súas obras. Digitarte busca así mesmo, engade Castro, “dar a coñecer novas formas de crear arte” valéndose de diferentes programas e equipamentos informáticos. Con esa idea tamén, as comisarias desta exposición buscaron reunir obras “de diferentes estilos”, tanto ilustracións como fotografías, co propósito de que a mostra permitise ver “os distintos resultados que se poden obter utilizando as mesmas ferramentas”.

Artistas formados na facultade

Álex Vede, Hugo Feal, Álex Otero, Jade González, Jorge Alonso, Emma Diarte, Miriam Iglesias, Laura Sisto e as propias Castro e Ferrada, creadores e creadoras formados na Facultade de Belas Artes, presentan as súas obras en Digitarte. “Queríamos ensinar artistas novos, xente que está comezando e quere dedicarse a isto”, salienta Castro, que incide nese senso no positivo de poder presentar os traballos na Cas da Luz, xa que “é un espazo polo que normalmente soe pasar bastante xente e ademais as súas cristaleiras permiten as obras tamén se poidan ver desde fóra”. Xurdida como un traballo para a materia Xestión, ámbito artístico e mundo cultural, que imparte o profesor e decano da facultade, Xosé Manuel Buxán, a exposición pode visitarse ata o 2 de febreiro en horario de 9.30 a 14.00 e de 16.30 a 19.30 horas.

Fanzines na Casa das Campás

Tamén como un traballo para esta materia do grao en Belas Artes, tres alumnos da facultade, Antón Yañez, Ramón Torres e Blanca Pérez, organizaron na sede da Vicerreitoría do campus unha exposición colectiva sobre publicacións audoeditadas. A mostra, que pode visitarse ao longo desta semana, presenta creacións recollidas en sete fanzines e complétase cun mural colectivo realizado polos diferentes artistas que participaron na súa inauguración.