DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A egresada de Esdemga presentou a súa colección 'Etymon' na Madrid Fashion Week

As creacións con raíces africanas de Susana Fall brillan no Ego

Trátase dunha versión ampliada do seu proxecto de fin de estudos

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Estudantado
  • Estudantes
DUVI Pontevedra 03/02/2020

Unha colección nacida como traballo de fin de estudos en Esdemga, Etymon, de Susana Fall, foi unha das protagonistas da xornada de peche da 71 edición da Mercedes-Benz Fashion Week Madrid. O proxecto da egresada desta titulación da Facultade de Belas Artes foi un dos sete seleccionados para o Samsung Ego, a plataforma para novos talentos da pasarela madrileña, á que en cada edición presentan a súa candidatura novos deseñadores e deseñadoras de toda España. Na súa primeira presenza no Ego, Fall presentou no Ifema madrileño unha versión ampliada da colección que estreou en Debut 2018, inspirada no país de nacemento de seu pai, Senegal, e na que formula unha homenaxe aos e ás emigrantes.

Foi unha experencia incrible en todos os sentidos", salienta Fall trala súa participación nesta pasarela, que recoñece como moi positiva. "Desde unha perspectiva profesional, serviume para seguir crecendo e formándome neste campo e, sobre todo, para dar a coñecer o meu traballo", salienta esta egresada, que amosa a súa satisfacción tamén pola boa recepción que no Ego tivo "a mensaxe que quería transmitir" e a posibilidade que esta pasarela supuxo á hora de "visibilizar unha historia de superación como é a de meu pai". Na súa estrea no Ego, Fall optou xunto a 404 Studio, Deyi, Coconutscankill, Reveligion, Fátima Miñana e Anel Yaos, ao Mercedes-Benz Fashion Talent, premio que finalmente recaeu en Miñana. Fíxoo nunha edición do Ego que inaugurou o gañador do Samsung Ego Innovation Project, Yvan Andreu cun desfile en 5G, e pechou o desfile da deseñadora internacional gañadora deste premio Datuna. Ademais de por Fall, Esdemga tamén estivo representada na pasarela madrileña pola egresada Miriam Cartagena que, xunto ao alumno de doutoramento da Facultade de Belas Artes Marcos Covelo impulsou UTDM, un dos 15 proxectos seleccionados para o showroom do Ego, un espazo de venda directa para os novos e novas deseñadores, no que presentaron por primeira vez a súa Enter collection

Unha colección nacida dunha viaxe a África

“Desenvolvendo o proxecto tamén puiden saber un pouco máis das miñas raíces e coñecer a unha parte da miña familia que apenas recordaba desde a primeira vez que fun a Dakar, canto tiña tres anos”, rememoraba días antes do desfile esta deseñadora, quen tivo nunha viaxe a África a fonte de inspiración da colección que na tarde deste domingo brillaba baixo os focos do Ego. Etymon naceu como un proxecto académico, que ampliou con dez novos estilismos, seguindo a liña dos anteriores “con algunha variación de estampados materiais e patróns”, para súa presentación no Ego. Tratábase dunha colección que tiña como fonte de inspiración a figura de seu pai e o seu país natal, de onde procedían a maioría dos tecidos e complementos empregados por Fall para as súas creacións. Deste xeito, o proxecto desta egresada presentouse sobre a pasarela do Ifema como unha colección “chea de cor, americanas, babuchas, cunchas e xerseis de punto”, que tamén outorgaba protagonismo ao grand boubous, un traxe típico do Senegal, á serigrafía e a elementos como os balóns de fútbol, dada a implantación que este deporte ten no país. “Etymon fala sobre a vida de meu pai, pero tamén sobre a de moita xente que tivo que deixar o seu país atrás na busca dunha vida mellor para eles e as súas familias”, salientaba Fall días antes do desfile.