DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Trátase dunha iniciativa de alumnado de Ciencias da Educación e persoal do centro

Créase o primeiro club de lectura da biblioteca do campus

As persoas interesadas poden asistir a unha reunión informativa o xoves 25 de outubro

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Cultura
  • Cultura
DUVI Ourense 23/10/2018

“Un club de lectura como lugar de encontro de lectoras e lectores que gocen do intercambio de opinións e ideas sobre as obras literarias que se propoñan”. Con este obxectivo preséntase o que será o primeiro club de lectura da Biblioteca Rosalía de Castro do campus de Ourense, que leva por nome A Comarca.

As responsables da iniciativa son Mercedes Pérez, en representación da Biblioteca Rosalía de Castro, e Alba González e Uxía Veloso, dúas alumnas de terceiro curso do Grao en Educación Infantil da Facultade de Ciencias da Educación e “entusiastas lectoras” que teñen participado tamén como escritoras en certames literarios da Universidade de Vigo. “A idea do club parte dunha suxestión da profesora Isabel Mociño, que nos puxo en contacto para argallar este proxecto, que conta co respaldo da dirección e persoal da biblioteca”, comenta Mercedes Pérez. Para a súa posta en marcha, detalla, contaron co asesoramento práctico de María Benítez, traballadora da Biblioteca Pública de Ourense, que lles transmitiu a experiencia en clubs de lectura do seu centro.

O club universitario nace co título de A Comarca, tomando o nome das novelas O hobbit e O Señor dos Aneis, de Tolkien e a proposta das alumnas promotoras, amantes da literatura de ciencia ficción.  A idea inicial é realizar unha xuntanza mensual do club na que se debata sobre o libro lido e se entregue a nova lectura. A cada membro do club se lle entregará en empréstamo un exemplar do libro escollido, sendo os fondos proporcionados polo servizo para clubs de lectura da Biblioteca de Galicia. “Convidamos a calquera persoa que forme parte da comunidade universitaria e que queira compartir con nós esta experiencia literaria que escriba un correo electrónico a clubdelecturabco@uvigo.es ou que veña a coñecernos o xoves día 25 de outubro ás 17.00 h á sala de xuntas da Biblioteca Rosalía de Castro”, comentan desde a organización.

Positivo para o centro e para as e os participantes

A idea de pór en marcha esta iniciativa, apuntan desde a biblioteca universitaria, nace da convicción de que “non só ten que ser función das bibliotecas públicas a promoción da lectura. As bibliotecas universitarias tamén teñen a responsabilidade ou a función de achegar a lectura á súa comunidade, especialmente ao alumnado en formación posto que podemos axudar a crear ou consolidar hábitos lectores sólidos”. O club, engaden, constitúe “unha actividade máis de promoción da lectura da nosa biblioteca, como os Recunchos Temáticos, o Día de Rosalía, o Concurso de Haikus, a Lectura Recomendada, o Recuncho poético, etc.”

Sobre os beneficios que supón para as e os amantes da lectura participar nesta iniciativa, as súas promotoras salientan como nun club “a lectura pasa de ser un exercicio solitario e íntimo a unha actividade grupal compartida, enriquecedora, nun espazo físico e non virtual no que se goza da proximidade da palabra falada”. Así, lembran as palabras do escritor Umberto Eco nas que dicía que unha obra literaria era unha obra aberta, unha obra en movemento, un significante con múltiples significados, tan variados como lectores posibles.