DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Unha alumna e dous egresados presentan os seus proxectos na exposición de ‘Novos Valores’ 

A creatividade do alumnado de Belas Artes proxéctase no museo e nas rúas

Estudantes de doutoramento realizan diferentes accións na cidade no marco dunha residencia

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Arte
  • Cultura
  • Estudantado
  • Estudantes
DUVI Pontevedra 17/10/2019

Desde este xoves e ata o 17 de novembro poden verse no Sexto Edificio do Museo de Pontevedra os proxectos que as gañadoras e o gañador do certame Novos Valores 2018 desenvolveron ao abeiro das bolsas de creación artística concedidas pola Deputación. Entre eles, atópanse as creacións da alumna de doutoramento da Facultade de Belas Artes Blanca Nieves Lourés, xunto ás dos egresados Lois Búa e Natalia Umpiérrez e as de Noela Covelo. Por outra banda, os tamén alumnos de doutoramento da facultade Macarena Montesinos e Berio Molina levan a cabo nestes días unha serie de accións artísticas nas rúas da cidade, como parte do proxecto polo que foron seleccionados na convocatoria das Residencias Paraíso. 

Pintura que explora a superficie

A exposición que Lourés, Búa, Umpiérrez e Covelo presentaron este xoves xunto á directora de xestión do Museo de Pontevedra, Sonia Mateos, reúne os resultados artísticos do traballo que estes artistas desenvolveron nos últimos meses tras ser seleccionados gañadores do certame Novos Valores 2018. “Grazas á bolsa tiven a sorte de poder dedicarme á produción de pezas, que era quizais o que máis me interesaba, e puiden facer tamén diferentes visitas a Viena, París ou Budapest, que me posibilitaron facer como estudos de campo, digamos, de pezas e exposicións concretas”, salienta Lourés. A propia peza pola que resultou merecedora desta bola, explica, xa tiña como base “unha investigación que, partindo da pintura”, puña o foco no “manual, no procesual”, na que a artista continuou afondando ao longo destes meses. “Quizais o que me chamou a atención foi a posibilidade de xerar unha superficie, un lugar no que estaba pasando algo, de mesturar cores e texturas”, salienta esta artista desta liña de traballo que pon o foco nese “concepto de superficie” no que proxecta centrar tamén a súa tese de doutoramento. 

Como resultados deste proceso de investigación artística Lourés presenta nesta mostra pezas como Vitral, unha instalación pictórica realizada con varios panos pintados e entretecidos, ou Familia, unha peza realizada con fío de cobre trenzado a man, na que insire unha serie de pequenas esculturas de árbores. Xunto a estas propostas, a exposición Bolsas de creación artística. Novos Valores 2018 reúne proxectos como Zona de vigilancia, no que o titulado en Belas Artes Lois Búa propón unha reflexión sobre a tecnoloxía a partires dunha analoxía entre os serafíns e os drones; ou a instalación Milagriños, resultado da estadía en México da tamén egresada da facultade Natalia Umpiérrez.

Accións a pé de rúa para alterar a realidade cotiá

Máis aló do museo, o alumnado de Belas Artes tamén é nestes días protagonista nas rúas de Pontevedra, onde Berio Molina e Macarena Montesinos levan a cabo unha serie de pequenas accións, que rexistran nos vídeos que en cada xornada van subindo ás redes sociais coa etiqueta #piquipiqui. Manifesto piqui piqui é de feito o título do proxecto polo que estes dous alumnos de doutoramento foron seleccionados na convocatoria das Residencias Paraíso, que o colectivo RPM promove co apoio da Axencia Galega das Industrias Culturais da Xunta de Galicia e que os leva nestas semanas a desenvolver este proxecto de creación e investigación artística na Sala X.

Tras realizar unha convocatoria aberta ao alumnado da facultade, Molina e Montesinos realizaron na tarde deste mércores unha acción conxunta con estudantes deste centro. Inspirándose nun xogo infantil, as e os participantes centraron esta acción en “elixir a unha persoa na rúa e ir correndo detrás dela” para, unha vez esta volvía a vista cara atrás, “quedar totalmente quedas” e repetir o proceso unha vez volvía avanzar. Entre as reaccións da xente, “houbo un pouco de todo, xente que xogou con nós, xente que non nos fixo caso...”, explican. Previamente, o Manifesto piqui piqui deu lugar a outra serie de “pequenas accións” como realizar un baile ás portas dun establecemento comercial portando un elemento que activase o detector de alarmas ou propor a través de carteis que se podían atopar en diferentes puntos da cidade a levar a cabo accións como “morder un sinal como se fose un trofeo”. “A dinámica de enfrontarte todos os días a algo novo, no que non sabes o que vai pasar é algo moi motivador”, recoñece Molina, que sinala tamén o positivo de “todo o dinamismo e o sentido do humor que ten no fondo” un proxecto que tiña como punto de partida “hackear a realidade” a través desta serie de pequenas accións.