DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Terá lugar o 2 e 3 de outubro e poderá seguirse tanto de xeito presencial como virtual

A creatividade conectará arte, deseño, educación e comunicación no segundo congreso internacional do Campus Crea

Aberto ata o 24 de agosto o prazo de presentación de traballos

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Arte
  • Congresos e xornadas
  • Cultura
  • Investigación
  • Investigación
DUVI Pontevedra 31/07/2025

Nacido o pasado ano, no marco dos traballos para acadar a acreditación do proxecto de especialización do campus de Pontevedra, o Congreso Internacional de Creatividade desenvolverá os días 2 e 3 de outubro a súa segunda edición. Nela, buscará promover unha reflexión teórico-práctica que conecte a creatividade coa arte, o deseño, a educación e a comunicación, os catro eixes do proxecto de especialización Campus Crea. O congreso mantén aberto ata o 24 de agosto o prazo de presentación de traballos, dirixido a reunir os estudos que se presentarán nas diferentes mesas de comunicación dos catro bloques que estruturan este evento, que combinará novamente o seguimento presencial e virtual.

Coas investigadoras da Facultade de Comunicación Montse Vázquez e Julia Fontenla como directoras, o congreso manterá o formato definido na súa primeira edición, articulando a súa programación en catro bloques, centrados “en cada unha das especialidades do Campus Crea”, como sinalan desde a organización. En cada un destes bloques, as mesas temáticas de presentación de comunicacións veranse complementadas á súa vez por conferencias de académicos e profesionais, así como por outra serie de actividades dirixidas a explorar as aplicacións da creatividade e as súas conexións con arte, deseño, comunicación e educación. 

Promovido polo Campus Crea, co apoio Deputación de Pontevedra, a segunda edición dun congreso que o pasado ano reuniu preto dun cento de investigadores e investigadoras busca reunir nas instalacións do campus tanto a académicos e persoal investigador como a profesionais de diferentes ámbitos ligados á creatividade. Para iso, sinalan desde a organización, buscará promover “accións que traballen a capacidade de visualizar ideas e novas perspectivas, promocionando a habilidade de crear novos produtos, procesos e solucións  a través de producións novidosas e orixinais”,.  

Continúa aberto o prazo de presentación de comunicacións

Ata o 24 de agosto permanece aberto o prazo de presentación de resumos dos estudos que conformarán as diferentes mesas temáticas deste congreso. Por unha banda, a centrada en creatividade e arte buscará promover unha reflexión arredor dos procesos que conducen á configuración dunha obra, mentres que outro bloque centrarase na creatividade e innovación nos ámbitos do deseño e da moda, abranguendo cuestións como a innovación e os retos da virtualidade ou as confluencias entre moda, deseño e artesanía. Un terceiro bloque porá o foco no papel fundamental da creatividade na educación do século XXI, mentres que outro apartado dedícase a explorar as sinerxías entre a creatividade e as diversas disciplinas da comunicación. 

As investigacións deberán centrarse nunha destas catro áreas, que poderán abordarse “desde diferentes perspectivas”, desde históricas ou docentes, ata casos de éxito e praxe profesional, pasando por estudos sobre comunicación estratéxica e instrumental, ética e deontoloxía, cultura organizacional, identidade e imaxe corporativa, publicidade, cultura audiovisual ou industrias culturais. 

Os estudos seleccionados optarán á súa vez, superando un novo proceso de revisión por parte de comité científico, á súa publicación nun monográfico da editorial Fragua.