Promovida polo Campus Crea co apoio da Deputación, terá lugar do 20 ao 24 de abril
As ‘creatividades híbridas’ centran a Semana Crea 2026
A programación abrangue conferencias, obradoiros, mesas de debate e un concurso
Creatividades híbridas, entre o virtual e o matérico é o lema escollido polo Campus Crea como eixe vertebrador da semana de actividades que impulsa cada ano con motivo da conmemoración do Día Internacional da Creatividade, co propósito de servir como escaparate do proxecto de especialización do campus pontevedrés. Promovida co apoio da Deputación de Pontevedra, a programación da Semana Crea 2026 desenvolverase entre o 20 e o 24 de abril en diferentes facultades e permitirá reflexionar sobre a evolución da creatividade en diferentes eidos, nuns tempos marcados polas tecnoloxías dixitais.
Nesta programación insírense propostas como a mesa de debate que reunirá tres directores xerais da axencia de publicidade Contrapunto ao longo da súa historia, promovida co apoio de Creatividade Galega; conferencias sobre a evolución do deseño en Galicia; un taller de escritura creativa impartido por Manel Loureiro ou un obradoiro que conectará corpo e tecnoloxía. “Buscamos que haxa actividades máis específicas para as titulacións do Campus Crea, e outras máis abertas”, sinala Ana Belén Fernández Souto, directora de área do Campus de Especialización Crea. Aberta a toda a cidadanía, esta programación afondará na creatividade desde unha perspectiva transdsiciplinar, así como nas súas aplicacións nos eidos da comunicación. Farao pondo o foco “na fronteira entre o tradicional e o que está por chegar” no eido da creatividade, “coa irrupción, especialmente, da intelixencia artificial”, salienta Fernández Souto.
Espazos activos, deseño e interfaces
A programación da Semana Crea botará a andar o luns 20 de abril coa mesa de debate Experiencias comunitarias na promoción de espazos activos, na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte. Moderado polo profesor Roberto Silva, trátase dun coloquio sobre como “o deseño, a xestión e a intervención nos espazos” urbanos, educativos ou deportivos, poden contribuír á “activación” destes espazos, “favorecendo usos máis inclusivos, participativos e sostibles”, sinala. Os espazos deportivos abertos, o deseño arquitectónico e pedagóxico e as intervencións artísticas no espazo público serán tres dos eixos dun debate no que participarán a arquitecta Elena Belgrano; o director do Servizo de Deportes do Concello de Pontevedra, Jaime Agulló; e o artista Javier Carrera.
Tamén na mañá do luns, a Facultade de Deseño acollerá unha conferencia centrada no traballo e traxectoria de Pepe Barro, “un referente do deseño galego”, como sinalan desde a súa organización. Baixo o título de Construír Galicia desde o deseño, Barro trazará un percorrido pola súa traxectoria profesional, iniciada en 1973, e que levárono a converterse nunha “figura clave na construción da historia do deseño en Galicia”, como sinalan desde a Fundación Didac, que acolle actualmente unha exposición dedicada ao arquivo dun profesional que contribuíu, desde o deseño, a renovar “os sinais de identidade” da comunidade.
Xa o martes 21 e mércores 22, Belas Artes será a sede do obradoiro Creación de interfaces brandas, a cargo da artista gráfica e doutora pola Universidade de Vigo María Castellanos. Con inscrición previa a través do correo xes.crea@uvigo.gal, o taller permitirá explorar como os materiais, “condutores, orgánicos ou téxtiles”, poden funcionar como “zonas de intercambio entre o físico e o virtual”, contrapoñendo a noción de interface dixital a dunha “interface branda” que conecta “corpo, materia e tecnoloxía”, sinalan desde a organización.
A historia dunha das principais axencias de España
O xoves 23, a Vicerreitoría do campus acollerá Homenaxe a Contrapunto: unha historia que, tamén, é nosa, que permitirá afondar na traxectoria dunha das axencias máis relevantes da historia publicitaria española. Para iso, reunirá nunha mesa moderada por Julián Abad, presidente de Creatividade Galega, a tres profesionais que se situaron á fronte da súa dirección xeral creativa nos seus 52 anos de historia. Contará coa participación de José María Lapeña, “unha das figuras máis influentes na renovación da publicidade española nos anos 80”, que se incorporou a Contrapunto en 1982, liderando unha etapa marcada por anuncios como Póntelo, pónselo, realizado para o Ministerio de Sanidad, e na que esta empresa converteuse na primeira axencia española en gañar o Gran Prix do Festival Internacional da Creatividade de Cannes. Participará tamén Antonio Montero, quen contribuíu nas décadas de 1990 e do 2000 “a modernizar a linguaxe da axencia”, sinalan desde Creatividade Galega, así como o seu actual director xeral creativo, Carlos Jorge.
Na tarde do xoves tamén terá lugar a conferencia Deseño no contexto dixital, a cargo das e dos responsables do estudio Novagarda, “especializados en proxectos dixitais, audiovisuais e web”, cuxos traballos foron recoñecidos nos últimos anos con varios premios Laus da Asociación de Diseño Gráfico y Comunicación Visual. Esta actividade terá lugar na Facultade de Deseño, que acollerá tamén unha presentación do proxecto Planta 6, unha iniciativa dun grupo de alumnas do grao, que traballan na creación dunha revista da facultade.
Por último, o venres 24 desenvolverase na Facultade de Comunicación un obradoiro de escritura creativa, protagonizado por Manel Loureiro, autor de obras como Apocalipsis Z e cuxas novelas teñen sido traducidas a máis de 20 idiomas.
Concurso de ideas
Ás diferentes actividades súmase o concurso de ideas CREA-Espazos Activos, que convida á comunidade universitaria a traballar na “xeración de ideas innovadoras orientadas a recuperar, modificar ou optimizar espazos para o eido educativo, deportivo e de promoción da mobilidade e saúde”. Aberto tanto a traballos individuais como de grupos dun máximo de catro persoas, trátase dun certame centrado tamén na idea dos “espazos activos”, co que se busca “fomentar a creatividade e a proposta de solucións de contribúan á mellora de espazos baleiros, esquecidos ou mal xestionados", segundo sinala a súa convocatoria. As propostas poderán plasmarse en infografías, maquetas, carteis, vídeos explicativos ou outros materiais e formarán parte ademais dunha exposición que poderá verse ao longo da Semana Crea en Ciencias da Educación e do Deporte, onde o venres 24 terá lugar a entrega de premios.
Nas iniciativas impulsadas ao abeiro da Semana Crea insírese tamén o ciclo de cine Imago mundi, que se desenvolve nos meses de abril e maio na Casa das Campás. Ademais, esta semana da creatividade verase continuada o xoves 30 coa celebración da II Olimpíada Crea, na que competirán máis de 70 alumnos e alumnas de sete institutos de diferentes localidades.
