DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Segundo os datos do último informe do Foro Económico

O crecemento da economía galega vive unha “leve desaceleración”

O documento foi presentado este venres en Santiago de Compostela

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Universidade e empresa
  • Investigación
DUVI Ourense 14/12/2018

O Foro Económico de Galicia, coordinado desde o campus de Ourense polo Grupo Gen da Universidade de Vigo, fixo público este venres o documento IV Informe de Conxuntura Socioeconómica do Ano 2018. Nel advirten dunha “leve desaceleración no crecemento da economía galega”.

A presentación do informe, que tivo lugar na Libraría Couceiro en Santiago de Compostela, contou coa participación dos membros do Foro Económico de Galicia e autores deste documento Santiago Lago, Patricio Sánchez, José Francisco Armesto e Fernando González Laxe, coordinador tamén do traballo. Nesta ocasión, xunto coa análise das contas económicas do terceiro trimestre do ano e a síntese estatística dos indicadores de conxuntura, o documento compleméntase cun comentario titulado Efectos da crise económica en Galicia a través de 25 cadros ou gráficos, elaborado polo economista Raúl Pérez.

Segundo explican en nota de prensa desde o Foro Económico de Galicia, a economía galega experimentou no terceiro trimestre do ano un crecemento do 2,6%, cifra que supón “a taxa máis baixa dende comezos do ano 2015”. Aínda así, detallan, “consolida unha situación de converxencia co conxunto do estado e da Unión Europea ao situarse por riba do seu crecemento por décimo trimestre consecutivo (2,5% en España e 1,9% na UE).

O impacto da demanda

Este incremento do PIB galego explícase na opinión dos expertos deste foro pola achega da demanda interna. Pola contra, detallan, a demanda externa detrae décimas ao devandito crecemento, feito que non acontecía dende o primeiro trimestre de 2007. Asemade, indican no documento, o cadro macroeconómico reflicte que os agregados da demanda interna e externa amosan un ritmo de crecemento interanual máis feble que no trimestre anterior. “Non obstante, cómpre resaltar o forte impulso do investimento (+6,9% respecto ao ano anterior e +0,3% que no conxunto da economía española)”, detallan desde o Foro Económico de Galicia.

Dende o punto de vista da oferta o aspecto máis destacado desde a entidade “é que, por terceiro trimestre consecutivo, todas as ramas de actividade contribúen de xeito positivo”. Novamente, detallan, como acontecera no segundo trimestre sobresae o forte impulso do sector da construción, cunha medra do 6,9%. No que atinxe ao mercado de traballo, o informe apunta que se mantén unha tendencia razoablemente positiva en termos de incremento da ocupación e caída do desemprego. Na creación de emprego saliéntase o incremento do número de asalariados con contrato indefinido e o descenso, por primeira vez nun terceiro trimestre dende o ano 2013, daqueles que asinan un contrato temporal.