DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Segundo o indicador referido a abril do Foro Económico de Galicia

O crecemento da economía mantense no 3,8%

O maior incremento prodúcese no transporte marítimo de mercadorías

Etiquetas
  • Medios
  • PDI
  • Ourense
  • Transferencia
DUVI Ourense 28/06/2018

O Foro Económico de Galicia, coordinado polo Grupo Gen da Universidade de Vigo, ven de facer público o seu Indicador Abanca-Foro de Conxuntura Económica referido ao mes de abril. Nel recóllese como se mantivo o crecemento interanual dos dous meses anteriores, do 3,8%. “En termos intertrimestrais, o crecemento da actividade económica galega de febreiro a abril tamén se mantén constante, acadando un valor do 1,0%”, sinalan desde a entidade.

O indicador, indican en nota de prensa desde o Foro Económico de Galicia, “reforza a idea de que no primeiro de semestre de 2018 a dinámica global da actividade económica galega ten sido semellante á que caracterizou o conxunto do exercicio 2017”. En termos interanuais, a variable recollida no indicador que experimenta un maior crecemento, detallan, é a do transporte marítimo de mercadorías que se corresponde co total das cargas e descargas nos portos galegos no último ano. Pola contra, engaden desde a entidade, a variable cun peor comportamento interanual é a de viaxeiros entrados nos hoteis, “o que está vencellado co feito de que o período vacacional da Semana Santa este ano foi en marzo”.

O Indicador Abanca-Foro de Conxuntura Económica está elaborado polo equipo de conxuntura económica do Foro Económico de Galicia, plataforma de transferencia de coñecemento das universidades e empresas galegas á sociedade coordinado desde a Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense polo Grupo Gen. Para a súa confección pártese da análise e cuantificación de 15 variables económicas que inclúen cifras de emprego, facturación empresarial, comercio internacional, actividade industrial e sector servizos.