DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Xavier Labandeira participa nunha comisión creada pola fundación para o estudo da cuestión

Crise climática ou cambio climático? Fundéu promove o uso dunha terminoloxía precisa nos medios para informar sobre a situación ambiental

Co obxectivo de que a cidadanía perciba a dimensión real do problema

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Divulgación
  • Medio Ambiente
  • Investigación
Mª del Camen Echevarría DUVI 04/07/2019

Emerxencia climática. Urxencia climática. Descarbonización. Emisións netas nulas. Mitigación. Estes son só algúns exemplos da riqueza terminolóxica que na actualidade existe para facer referencia a problemas asociados á situación climática e ambiental. Non obstante, o uso que os medios de comunicación fan para informar á cidadanía sobre as cuestións climáticas non sempre é o máis axeitado para favorecer a correcta comprensión do fenómeno e as súas verdadeiras dimensións. Co obxectivo de que os medios empreguen nas súas informacións unha terminoloxía precisa que permita á sociedade percibir a magnitude e as consecuencias do quecemento global causado pola actividade humana, Fundéu (Fundación del Español Urgente) e a axencia EFE, acaban crear unha comisión de expertas e expertos que analizará as palabras que as e os xornalistas españois están a utilizar, debater se son as máis axeitadas e determinar se existen alternativas mellores. 

O catedrático Xavier Labandeira representa á Universidade de Vigo nun grupo integrado por científicas e científicos, profesionais do xornalismo e da comunicación, así como filólogas e filólogos, procedentes de institucións académicas e entidades como WWF, CEOE, CSIC ou Ecodes. “Para min é un honra que me teñan convidado a participar na iniciativa á que podo achegar a miña experiencia e coñecemento desde o mundo da economía e as políticas públicas contra o cambio climático”, explica Labandeira, que apela á necesidade de “ser precisos no uso dos termos para que a sociedade saiba do que estamos a falar e que implicacións ten”.

Un camiño que se abriu coa crise climática  

A iniciativa de Fundéu e EFEverde segue a doutros medios internacionais, como o diario británico The Guardian, que recentemente modificou o seu libro de estilo e decidiu adoptar termos máis precisos á hora de informar sobre a situación ambiental. Pola súa banda, a Fundación del Español Urgente e a axencia de noticias iniciaron o seu camiño no mes xuño cunha recomendación, na que avogaban pola utilización da expresión crise climática para referirse á magnitude e consecuencias do quecemento global derivado da actividade humana. Tras esta acción, e co asesoramento do grupo de expertos que xa comezou a traballar, a axencia EFE tamén procederá a actualizar o seu libro de estilo nesta materia.

Na primeira reunión celebrada polo grupo de expertas e expertos, abordáronse os significados precisos e contextos para o uso de expresións como cambio climático, crise climática, crise ambiental, emerxencia climática, urxencia climática e risco climático; así como a conveniencia de atopar boas traducións ao español de moitas palabras estranxeiras (en particular anglicismos) que se empregan no ámbito científico nestas materias. “Cómpre darlle unha tradución axeitada a moitos termos que están a xurdir noutras linguas, particularmente o inglés. Só temos que ir aos medios dos últimos días para observar a riqueza idiomática neste ámbito e se os usuarios dos medios non saben a que nos referimos en cada caso, pode darse un fenómeno de confusión e de mala comunicación, coas implicacións que isto ten na loita contra este importante problema”, asegura Xavier Labandeira. Neste sentido o catedrático da Universidade de Vigo incide no papel crucial que as e os usuarios dos medios xogan na loita contra o cambio climático, de xeito que “se non están correctamente informados as solucións poden tardar moito máis en chegar ou simplemente non chegar. Lembremos que a cidadanía, por exemplo, ten moito que facer a título individual, pero tamén é a que escolle aos políticos, compra os produtos das empresas e inviste os seus aforros”, sinala o director de Economics for Energy.