DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Co libro de Greta Thunberg ‘Cambiemos el mundo #huelgaporelclima’ como protagonista

A crise climática en tempos de pandemia centra o Reseñas.13

Debido ao confinamento, a mostra pode consultarse virtualmente en Pinterest, Twitter e Instagram

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Pontevedra
  • Vigo
  • Cultura
  • Medio Ambiente
  • Cultura
DUVI 28/04/2020

Nun momento no que conviven a crise sanitaria, económica e climática, todo apunta a que para facerlles fronte, o planeta debe acometer  un cambio radical no estilo de vida, algo que Greta Thunberg, autora do libro Cambiemos el mundo #huelgaporelclima, vén demandando hai tempo facendo un chamamento á conciencia ambiental global.

Precisamente esta obra é a protagonista da nova edición de Reseñas, a iniciativa divulgativa bimensual promovida polo persoal da biblioteca de Torrecedeira que ten como obxectivo crear un espazo dedicado á lectura e aberto a toda a comunidade universitaria. O libro recolle unha selección dos discursos da activista sueca que comezou unha folga estudantil baixo o lema Skolstrejk för klimatet (Folga escolar polo clima) esixíndolle ao goberno do seu país reducir as emisións de carbono segundo o decretado no Acordo de París. Nas preto de 70 páxinas de Cambiemos el mundo #huelgaporelclima inclúense algunhas das súas intervencións en foros como a ONU, Davos, o Consello Social Europeo ou o Parlamento Europeo, entre outros. 

A mostra trasládase a Pinterest, Twitter e Instagram

A actual situación de confinamento implica cambios, entre eles que a mostra pasou a ser de carácter virtual. “Como todo o material quedou na biblioteca tivemos que refacer todo co que tiñamos nas redes, nos nosos móbiles ou volver a facer aquilo que necesitamos”, explica Manuel Velasco, técnico especialista da biblioteca que propuxo este libro para a nova edición de ‘reseñas’. A exposición pódese consultar a través de redes sociais como Pinterest, Twitter e Instagram ata finais de maio e, para substituír ao expositor de sempre, creouse no seu lugar un taboleiro que inclúe “libros da biblioteca e tamén informes e documentos en aberto dos temas que tratamos”. Así mesmo, o técnico engade que a exposición conta coa súa “propia banda sonora” grazas a que o grupo Técanela lles permite usar a súa canción Llegamos tarde, que aborda o tema da crise climática.

Dunha folga escolar ao cumio das Nacións Unidas

A folga escolar que iniciou Thunberg conseguiu mobilizar 20.000 estudantes de 270 cidades e foi tamén o inicio dunha loita mediática polo futuro do planeta e da infancia. “Nenas, nenos e adolescentes teñen que estar no centro do debate dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS). Se se compren as proxeccións actuais e o quentamento global supera os catro grados centígrados no ano 2100, as consecuencias para a saúde infantil serán devastadoras debido á proliferación de enfermidades como o dengue e a malnutrición”, sostén a activista.

Tras o éxito dos venres polo clima, Thunberg “dirixiuse ao cumio das Nacións Unidas sobre o cambio climático da COP24 onde falou ante a asemblea plenaria. Participou nunha charla xunto con representantes da We Don’t Have Time Foundation e en xaneiro de 2019 foi convidada polo Foro de Davos (Suíza) para continuar coa súa campaña climática”, explica Velasco. No mes de febreiro dese mesmo ano participou nunha conferencia do Comité Económico e Social Europeo na cal lle esixiu ao xefe da comisión que a “UE cumprise os obxectivos climáticos reducindo as súas emisións de CO2 nun 80%”.

Son moitos tamén os galardóns aos que con tan so dezasete anos foi nomeada, entre eles a bolsa Fryshuset do Modelo Novo do Ano polo que a revista Time a considerou unha das 25 adolescentes máis influentes do mundo en 2018. En 2019, co gallo do día Internacional da Muller foi nomeada muller máis importante do ano en Suecia e tamén candidata ao Premio Nobel da Paz. A maiores, recibiu diversos recoñecementos, como o Premio á Protección Climática Especial Goldene Kamera de Alemaña, o Prix Liberté de Normadie e o Premio Fritt Ords de Noruega compartido coa Organización Natur og Undon.

Do palacio de Knossos ata o poboado de Astérix

A próxima protagonista de Reseñas será Mary Beard, catedrática da University of Cambridge, autora do libro La herencia viva de los clásicos: tradiciones, aventuras e innovaciones. Este volume, sinala a autora, “é unha viaxe guiada polo mundo clásico, dende o palacio prehistórico de Knossos, en Creta, ata o imaxinario poboado de Astérix, nas Galias”. Este libro recupera vidas e costumes de personaxes históricos como Alejandro Magno ou Nerón e tamén de escravos ou soldados anónimos, co obxectivo de ensinarlle aos lectores a gozar da riqueza que representa a herdanza dos clásicos.

A devolución de libros, ata o 30 de xuño

Por outra banda, e ante a extensión do estado de alarma, a Biblioteca Universitaria decidiu ampliar a data de devolución dos libros que deberían entregarse nestas semanas. O prazo amplíase ata o 30 de xuño de 2020, aínda que esta data poderá revisarse de novo en función da evolución da situación.