DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Ciencias Empresariais e Turismo acolle un curso sobre este tipo de negocios

Crise, sucesión e outros retos para a empresa familiar

Na actualidade representan o 70% do emprego privado en España

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Rosa Tedín DUVI 27/10/2016

“Este curso pretende ensinar ao alumnado a maneira correcta de xestionar unha estrutura organizativa diferente como é o caso da empresa familiar, xa que poderán traballar nunha destas empresas con moita probabilidade. Representan o 80% do tecido empresarial de España, o 65% do PIB e o 70% do emprego privado”. Con este obxectivo e estas cifras preséntase a segunda edición do curso Empresa familiar: goberno e sucesión, que está a celebrar a Cátedra de Empresa Familiar da Universidade de Vigo na Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense.

Do protocolo de transición aos impostos

A cita, dirixida por Elena Rivo, decana desta facultade e subdirectora da cátedra, conta con tres obxectivo principais. En primeiro lugar, explican desde a organización, trátase de amosar ao alumnado a importancia da empresa familiar na economía rexional, estatal e mundial. En segundo lugar, o curso, de 30 horas de duración, amosará ao alumnado como empresa familiar non é sinónimo de pequena ou mediana empresa, xa que aínda que a maioría si o son existen grandes empresas familiares. Por último, os docentes, entre os que está Alberto Vaquero, presentarán aos asistentes os instrumentos, como o protocolo familiar, que poden axudar a superar con éxito o relevo xeracional, un aspecto que provoca a desaparición de moitos destes negocios. Así mesmo, durante a formación abordarase a temática fiscal específica para este tipo de empresas.

Para acadar estes obxectivos, o curso, que se prolongará ata o 14 de novembro, consta de catro módulos formativos. Os asistentes comezarán adquirindo nocións básicas de empresa familiar, abordando temas como o liderado, o goberno e a transición xeracional. Nun segundo módulo afondarán no réxime tributario da empresa familiar, nos beneficios fiscais no Imposto sobre o Patrimonio, na transmisión da empresa familiar no ISD e nas consecuencias tributarias das operacións de reorganización empresarial. Seguiralle un achegamento á xestión da empresa familiar, abordando casos de empresas familiares. Por último, os participantes realizarán unha visita a varias empresas familiares para coñecer in situ o seu funcionamento.

Comportamento fronte a crise

Sobre a relevancia deste sector, a Cátedra de Empresa Familiar da Universidade de Vigo, tomando datos dun achegamento realizado por Alejandro Domínguez sobre o impacto da crise no emprego, a facturación e os beneficios na empresa familiar versus a que non o é, sinala como contemplando conxuntamente estas tres variables "observamos como, ante un comportamento case idéntico na cifra de ventas, as empresas non familiares sacrifican emprego para manter uns bos resultados mentres que as empresas familiares manteñen o número de empregados, aínda a costa de obter uns peores resultados económicos”. Analizando a facturación, sinálase desde a Cátedra, “podemos observar como a evolución desta variable ten sido practicamente a mesma para ambos grupos durante a crise, con dous picos negativos en 2009 e 2012, epicentros das dúas recesións consecutivas experimentadas pola economía galega e a española". En canto ao beneficio, indican que se constata un comportamento similar pero lixeiramente peor no caso das empresas familiares na maioría dos anos. Finalmente, o efecto da crise sobre o emprego, engaden, é claramente menor no caso das empresas familiares, "que só obteñen taxas de variación negativas (e moi próximas a cero) en tres dos oito anos analizados, mentres que as variacións obtidas polas non familiares son negativas en todos os anos a partir de 2008".