DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Viña exercendo, dende novembro de 2024, como vicedecana de Mobilidade

Cristina Sobrino substitúe a Elsa Vázquez como decana en funcións de Ciencias do Mar

Coa idea de presentarse ás próximas eleccións, que deberán convocarse antes de seis meses

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Democracia
  • Institucional
M. Del Río DUVI 06/10/2026

Tras a renuncia da catedrática Elsa Vázquez como decana da Facultade de Ciencias do Mar para tomar as rendas do Centro de Investigación Mariña a pasada semana, o centro afronta agora uns meses de cambios. Cristina Sobrino será a encargada de substituír a Elsa Vázquez á fronte do Decanato e farao en funcións durante os vindeiros seis meses coa encarga de convocar eleccións nese período do tempo.

Seguirá neste período acompañada por Estefanía Paredes, investigadora Ramón y Cajal da Área de Zooloxía, que continúa como secretaria do centro e polo profesor do Departamento de Química analítica e alimentaria Óscar Nieto, como vicedecano de Calidade. A vacante que Sobrino deixa como vicedecana de Mobilidade será a asumida por Inmaculada Prieto, docente do Departamento de Química Física.

Sobrino é profesora titular do Departamento de Ecoloxía e bioloxía animal e investigadora do grupo OB Oceanografía Biolóxica do Centro de Investigación Mariña CIM-UVigo. Formada na Universidade do País Vasco e na Universidade da Laguna, é doutora pola Universidad de Cádiz coa tese Efecto del incremento de radiación ultravioleta y co2 sobre el crecimiento y fotosíntesis de diferentes especies de microalgas marinas.

Co obxectivo de concorrer ao novo proceso electoral

Cristina Sobrino quedará á fronte da Facultade de Ciencias do Mar durante seis meses, período durante o cal se deberán convocar eleccións. “Intentaremos que sexa o antes posible”, explica a decana, e adianta a súa intención de concorrer a ese futuro proceso electoral xunto co equipo que agora queda constituído en funcións e, de gañar, tratar de completar o programa electoral co que se presentaron inicialmente en novembro de 2024. 

Naquel intre, a candidatura liderada por Elsa Vázquez, a única que concorría, obtivo o apoio do 94,5% dos votos emitidos na Xunta de Facultade -35 a favor, 2 en branco e ningún en contra. O seu programa de goberno, que agora asume o equipo en funcións, poñía o foco en conseguir máis recursos, recoñecemento e apoio institucional. Entre outros aspectos, apostaba por avanzar na internacionalización, por exemplo, ampliando o número de materias que se imparten en inglés e incrementando o número de universidades estranxeiras coas que a facultade ten convenio. Outro punto clave da proposta do equipo pasaban por considerar que as dúas titulacións do centro, o grao e o mestrado, como singulares, “con necesidades moi específicas de saídas de campo que inclúen non só autobús, senón barco”, o que encarece moito este tipo de actividades, “polo que consumen practicamente todo o orzamento da facultade, quedándonos sen marxe para calquera imprevisto ou necesidade que poida xurdir”, como explicaba Vázquez no momento de ser elixida.