A súa publicación en BlueSky foi seleccionada entre 14 propostas da fase local
O “CSI acuático” de Elisa Barreiro representa a UVigo na final estatal do concurso #HiloTesis
Estuda a diversidade xenética das poboacións de salmón atlántico empregando o ADN ambiental ou eDNA
Concentrar en 20 mensaxes dun fío na rede social BlueSky todo do contido científico dunha investigación supón un reto. Ben o sabe Elisa Barreiro Docío, que será a representante da Universidade de Vigo na fase final do concurso #HiloTesis, impulsado pola CRUE, en colaboración con RedDivulga e a Fundación Ignacio Larramendi. O certame busca fomentar a divulgación científica e o desenvolvemento de habilidades de comunicación nos futuros investigadores e investigadores e serán un total de 54 os que participen na fase final.
O fío de Elisa Barreiro, que está a realizar o primeiro ano do programa de doutoramento Metodoloxías e aplicacións en ciencias da vida, resume cunha linguaxe sinxela e atractiva, os contidos da súa tese, que se centra no estudo da diversidade xenética das poboacións de salmón atlántico —“é dicir, canto se parecen ou se diferencian entre si os individuos dunha mesma poboación”—, pero sen ter que capturar os animais. Emprega, como ela mesma explica no fío, “o chamado ADN ambiental ou eDNA, que é o ADN que os peixes deixan na auga ao soltar escamas ou mucosas”. Así, recollendo mostras de auga, “podemos analizar ese ADN e descubrir non só se hai salmóns nun río, senón tamén de que poboación veñen, como de emparentados están e, potencialmente, mesmo cantos hai”. Este proceso é o que no fío describe como un “CSI acuático, onde a evidencia flota”, xa que cada botella que recolle “é unha confesión silenciosa da vida que alberga” ese treito do río.
Respecto polos animais
A tese de Elisa Barreiro está dirixida por Sofía Consuegra del Olmo e María Saura Álvarez, ás que lles agradece a súa inspiración e apoio, e forma parte do proxecto Oldsalmo, financiado polo programa Atrae. O obxectivo final é poder facer unha especie de censo xenético e unha avaliación dos cambios xenómicos ao longo do tempo en poboacións de peixes explotadas, nestes caso o salmón atlántico, pero “sen molestar os animais, algo especialmente útil en especies ameazadas ou protexidas”. En vez de pescar os salmóns para obter mostras, analízase o rastro invisible que deixan na súa contorna a través do ADN ambiental. Precisamente, para a investigadora “o máis gratificante” da súa investigación “é que non fai falta molestar os animais, podo axudar sen atrapalos, sen estresalos, sen invadir a súa vida. Porque conservar tamén é coidar de non danar”.
A importancia de divulgación: aprender a contar o que fas
Preguntada sobre como se decidiu a participar en #HiloTesis, Barreiro explica que o fixo animada por Daniel García Souto, investigador posdoutoral do proxecto, “unha figura clave, tanto profesional como persoalmente, para desenvolver esta tese”. O certame representa para ela a oportunidade de abrir unha fiestra para amosar a súa investigación á cidadanía. “Ás veces, cando alguén che pregunta a que te dedicas, non é fácil responder sen que pareza moi técnico. Este concurso deume a escusa perfecta para aprender a contalo ben, de xeito que calquera o entenda e vexa o valor do que facemos”.
A pesar de estar a comezar a súa carreira investigadora, considera a divulgación como unha parte esencial do seu traballo e unha ponte coa sociedade. “A ciencia non debe quedar pechada nun laboratorio nin nun artigo que só len especialistas” e recalca a importancia de que a xente coñeza o traballo dos científicos para que comprendan “por que é importante investir en coñecemento”. Ademais, Barreiro tamén subliña a necesidade de recibir feedback, porque “moitas veces o público xeral fai preguntas que os expertos non se formulan, e iso abre portas novas”. No caso da súa tese, explica que lle gustaría que se entendese que estudar a xenética das poboacións non é só unha curiosidade académica, senón que é esencial para a conservación da biodiversidade, para a pesca sustentable e mesmo para a economía local en lugares como Galicia. “Se unha especie desaparece por falta de diversidade, pérdese algo moito máis amplo que só un animal”.
Tamén avoga polo uso das redes sociais, sobre todo para chegar ás xeracións máis novas, que cada vez consumen menos medios tradicionais. “Pero hai que usalas con responsabilidade, combater as fake news e non caer no clickbait. A ciencia pode e debe estar nas redes, pero sen perder o rigor”.
Conexións inesperadas
Barreiro estudou o grao en Biotecnoloxía na Universidade de Santiago de Compostela e posteriormente realizou un proxecto de investigación no Laboratorio Ibérico Internacional de Nanotecnoloxía (INL), en Braga. Despois cursou o Mestrado en Bioinformática na Universidade Internacional de Valencia e, durante este período, obtivo unha bolsa JAE Intro ICU para facer o TFM no grupo de Biotecnoloxía Acuática do Instituto de Investigacións Mariñas (IIM-CSIC), centrándose en como as mutacións nos receptores de melanocortina afectan á pigmentación nos peixes cebra. Actualmente, mentres realiza a tese na UVigo está contratada como investigadora predoutoral no IIM-CSIC.
Como ela mesma recoñece, a súa traxectoria tocou distintos campos, dende biotecnoloxía e nanotecnoloxía ata xenética e bioinformática, “e iso deume unha visión ampla; gústame saber un pouco de todo, porque creo que a clave da ciencia está nas conexións inesperadas. Non me vexo traballando nun tema único toda a vida: encántame explorar e aprender continuamente”.
Os gañadores coñeceranse este mes
O ano pasado presentáronse a #HiloTesis 362 teses de 49 universidades asociadas á CRUE. Esta ano pasaron á final 54 fíos, que agora deben ser avaliados polo xurado. O fío de Elisa Barreiro foi seleccionado entre 14 presentados na fase local na UVigo. Coñeceranse os gañadores finais na primeira quincena deste mes de xullo.
