DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Unha decena de persoas participa neste obradoiro

Un cuadrimestre máis, continúa a formación da Aula de Gaita Galega do campus

Está dirixida polo músico Gonzalo Abelairas

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Cultura
  • Cultura
DUVI Ourense 06/04/2022

O pasado 17 de febreiro, a Aula de Gaita Galega do campus volveu á súa actividade coa celebración dunha nova edición do seu obradoiro, que forma parte da oferta de extensión universitaria que organiza a Vicerreitoría do Campus de Ourense con financiamento da Deputación de Ourense. Unha decena de persoas fórmase semanalmente nesta actividade xa consolidada na programación cultural universitaria.

Este grupo, dirixido polo músico Gonzalo Abelairas, é xunto ás aulas de teatro e danza do campus, unha das propostas que conta nesta programación de extensión universitaria cunha traxectoria máis duradeira e cun público máis fidelizado, celebrando xa a súa décima edición consecutiva. Ano tras ano, a aula tense convertido nun punto de encontro no que persoas amantes da música tradicional galega aprenden a tocar a gaita e melloran os seus coñecementos arredor desta música.

A matrícula no seu obradoiro estivo de novo este curso académico restrinxida a dez prazas debido ás limitacións de aforo previstas polas medidas de prevención da covid-19, esgotándose todas elas. “O grupo de iniciación que comezou no obradoiro no primeiro cuadrimestre repite neste e xa está tocando algúns temas co grupo que leva máis tempo. O resto de xente que completan as prazas, son xa habituais de cursos anteriores e teñen este obradoiro como o seu punto de encontro e de aulas”, explica Gonzalo Abelairas.

30 horas de formación

A actividade conta con 30 horas de formación e ten como lugar de celebración o pavillón de estudantes do campus, onde se desenvolven as clases cada xoves pola tarde. “No obradoiro continuamos cos contidos dos anos anteriores e, segundo o nivel do alumnado, afondamos no coñecemento da gaita galega, abordando aspectos como as técnicas de gaita, os tipos de dixitación, o repertorio, a afinación ou a ornamentación, ademais de achegarse a diversos aspectos da música tradicional e á percusión tradicional”, lembra Gonzalo Abelairas. Ao ter varios espazos físicos dispoñibles para o desenvolvemento das sesións, as e os alumnos divídense en dous grupos atendendo ao seu nivel de coñecementos previos, compartindo noutros momentos sesións conxuntas.

Ao igual que o pasado curso académico, o desenvolvemento do obradoiro faise atendendo ás medidas de prevención da covid-19, traballando por exemplo en pequenos grupos e empregando a máscara de xeito obrigatorio, excepto no momento específico de tocar a gaita. Ademais, as aulas onde se desenvolve a formación mantéñense ventiladas, con ventás e portas abertas, ademais de respectar o uso de xeles hidroalcólicos, as distancias e demais medidas preventivas xerais.