DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A FFT acolleu unha xornada sobre activismo e representacións de xénero contemporáneas 

É a cuarta onda a ciberfeminista? 

A especialista en xénero Andrea Ruthven falou sobre redes feministas para o cambio

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Cultura
  • Igualdade
  • Académica
Mª del Carmen Echevarría DUVI 17/10/2018

Á do século das Luces, á do sufragismo e á que se produciu a mediados do século XX, cómpre engadir unha cuarta onda feminista, ou mesmo ciberfeminista? O impacto que as redes sociais e nomeadamente movementos como #Me Too, #I belive you , #Just all we women están a ter no feminismo contemporáneo, centrou a conferencia plenaria da especialista en estudos de xénero da Universidad de Cantabria Andrea Ruthven na xornada Cuarta onda feminista? Activismo e representacións de xénero na cultura contemporánea, celebrada hoxe na Facultade de Filoloxía e Tradución. Organizada polas docentes e investigadoras da Universidade de Vigo Belén Martín Lucas e María Platas, en colaboración coa Unidade de Igualdade, a xornada arrancou cunha conferencia, na que Andrea Rurthven analizou a importancia e os potenciais que plataformas como #Me Too están a ter na definición do feminismo actual, e rematou cun panel de intervencións centradas nas olladas alternativas na cultura contemporánea, coa participación das docentes das universidades de Vigo, Tras-os-Montes e Alto Douro e Barcelona: María Platas, Ana Cristina Gómes da Rocha e Katarzyna Paszkiewicz, respectivamente.

Na benvida á xornada, a directora da Unidade de Igualdade, Águeda Gómez referiuse a esta sesión como “moi necesaria para iniciar desde a Universidade de Vigo a construción dun saber feminista moi necesario para compensar toda a tradición da ciencia desde o androcentrismo”, ao tempo que agradeceu e gabou o traballo desenvolvido pola súa antecesora no cargo, Anabel G. Penín, “por poñer en marcha estas actividades na universidade, que nós nos comprometemos a continuar”. Pola súa banda, Belén Martín Lucas incidiu no valor deste tipo de eventos “para desmantelar as bases androcéntricas do pensamento, nunha institución moi androcéntrica como é a universidade, aínda que pareza un universo moi inclusivo”. María Platas, na súa intervención lembrou que esta xornada naceu dun intento de poñer en común liñas de traballo de varias investigadoras, incluída ela mesma, desde o grupo Feminismo e Resistencia, enlazándoo coa cuestión da cuarta onda feminista. 

Plataformas que visibilizan as voces e a participación das mulleres

Cunha imaxe da activista afroamericana Tarana Burke de fondo, comezou Andrea Ruthven a súa conferencia na Universidade de Vigo, onde xa traballara durante a realización da súa tese de doutoramento e á que agradeceu que apoiase xornadas como a de hoxe, “algo que realmente no é moi común”. Tras lembrar que foi Tarana Burke a impulsora hai doce anos do movemento Me Too, non en redes sociais, senón como un apoio “para escoitar, entender e crer” ás mulleres vítimas de violencia sexual, a especialista en estudos de xénero, defendeu o valor das plataformas virtuais como a propia #Me Too, #I belive you , ou #Just all we women para crear alternativas, ao tempo que “fan visibles as voces e a participación das mulleres de xeito que poidan xerar un efecto de onda”. 

Citando a autoras e autores como Mendes, Butler, Munro, Dixon ou Ahmed, a docente e investigadora a Universidad de Cantabria incidiu nas facilidades que proporcionan as plataformas dixitais “para crear espazos para desenvolver a conciencia feminista individual e colectiva e para atopar e manter o apoio ás opinións feministas”, así como no seu carácter inclusivo, fronte á tradicional exclusión da muller e doutros colectivos, da esfera pública, aínda que tamén advertiu que “non se debe pintar o mundo virtual como un espazo utópico para a interacción”.

A velocidade, alcance global, visibilidade e as oportunidades que outorgan ás mulleres para definir as súas accións a través dunha comunidade, son algúns dos potenciais das plataformas virtuais sobre os que Ruthven puxo o acento na súa conferencia, ao tempo que tamén se referiu á presenza de emocións como enfado, medo, vergoña e en especial a dor, “unha idea que como comunitaria é algo que non pode ser ignorada, aínda que o feminismo non é só dor, tamén hai moita alegría”, sinalou a investigadora.

No seu relatorio, a especialista en estudos de xénero reiterou o impacto do movemento feminista virtual, que articula ata millóns de persoas que teñen historias que contar. “Ao dicir #Me Too cada muller forma parte dun grupo máis amplo e elixe estar xunto a outras persoas que foron acosadas, agredidas ou violadas. E esta solidariedade é moi poderosa”, sinalou Andrea Ruthven.