DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A revista leva publicados máis de medio cento de artigos que revelan a vitalidade destes estudos

'Cumieira' celebra dez anos de impulso ás novas voces da investigación en lingua e literatura galega

O último número inclúe estudos sobre o ‘castrapo’ da serie Fariña ou a terminoloxía LGBT+

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Lingua Galega
  • Publicacións
  • Investigación
D. Besadío DUVI 16/03/2026

A revista Cumieira, vinculada ao Departamento de Filoloxía Galega e Latina da Universidade de Vigo, vén de publicar o seu volume número 10, unha edición que marca os dez anos de traxectoria da publicación desde a aparición do seu primeiro número en decembro de 2016 e que consolida unha década de actividade editorial orientada a promover a investigación en filoloxía galega e a acompañar a formación dunha nova xeración de investigadoras e investigadores no ámbito da lingua e da literatura de Galicia. 

Este novo volume reúne cinco artigos de investigación e unha recensión, consolidando o perfil da revista como un espazo dedicado á investigación en lingua e literatura galegas, especialmente orientado a dar visibilidade ao traballo das mozas e mozos que están arrancando a súa traxectoria investigadora.

“O balance desta primeira década non pode ser senón positivo”

O número ábrese cun artigo asinado polo editor da publicación, o profesor da Facultade de Filoloxía e Tradución Xosé A. Fernández Salgado, titulado Dez anos de Filoloxía Galega na revista 'umieira (2016-2025). Nel realízase un percorrido pola traxectoria da revista desde a súa fundación, destacando o seu papel como plataforma para o diálogo entre tradición e renovación metodolóxica e facendo balance das temáticas, metodoloxías e autorías que marcaron a primeira década da publicación.

“Con este décimo volume, Cumieira cumpre o propósito co que naceu: servir de lugar de encontro entre a investigación académica consolidada e a investigación emerxente, entre o rigor científico e a aprendizaxe formativa”, salienta Fernández Salgado. “O balance desta primeira década non pode ser senón positivo”, engade o autor, pondo sobre a mesa a cifra que avala a traxectoria destes dez anos de revista: “máis de medio cento de artigos que revelan a vitalidade da Filoloxía galega actual e a súa capacidade de renovarse con novas voces, na súa maioría femininas, temas e métodos”.

Da transmisión familiar do galego ao seseo no sur de Pontevedra

A continuación, Sandra Comesaña Pires analiza as estratexias e dificultades das familias viguesas na transmisión do galego ás novas xeracións desde a perspectiva da política lingüística familiar. O estudo sinala o peso dunha contorna social castelanizadora e defende a inmersión escolar en galego como unha medida clave para garantir a continuidade da lingua.

No ámbito do contacto lingüístico, Natalia Otero Oubiña examina o castelán de Galicia presente na coñecida serie Fariña. O traballo describe os trazos fonéticos e morfosintácticos máis galeguizados desta variedade e destaca como estes contribúen á verosimilitude dos personaxes e á visibilización do fenómeno coñecido como castrapo no audiovisual galego.

Pola súa banda, Ariel Quintela Sesar aborda a cuestión terminolóxica cun estudo que presenta a primeira proposta sistematizada de termos vinculados á realidade LGBT+ en galego. A investigación baséase, neste caso, nun corpus representativo e nunha análise morfolóxica e semántica destinada a establecer as bases dun futuro dicionario monolingüe neste ámbito.

O volume complétase co artigo de Olalla Vizoso González, que presenta os resultados dunha investigación xeolingüística sobre o fenómeno do seseo nos concellos de Tui e Tomiño. O estudo cartografa esta característica dialectal a partir dun corpus oral recollido entre falantes de idade avanzada de diferentes parroquias da zona.

A publicación péchase cunha recensión de Silvia Miguélez Trabazos sobre o libro A fala de Vigo. Trazos diferenciais da variedade dialectal do Val do Fragoso, da autoría do profesor Xosé-Henrique Costas, director do Departamento de Filoloxía Galega e Latina da UVigo.