DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Este venres celebrouse na Coruña o seu acto de apertura oficial

O curso académico ábrese co compromiso da Xunta de mobilizar arredor de 3000 millóns de euros entre 2022 e 2026

Os reitores do SUG reclaman un novo plan de financiamento "estrutural suficiente"

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Reitor
  • Institucional
DUVI 03/09/2021

A Universidade da Coruña acolleu este venres o acto oficial de apertura do curso universitario 2021/2022 en Galicia. Nel, Alberto Núñez Feijóo, presidente da Xunta de Galicia, avanzou que o novo plan de financiamento universitario aspira a mobilizar arredor de 3000 millóns de euros entre 2022 e 2026 para garantir "as transformacións e o desenvolvemento das universidades galegas".

O acto contou coa presenza de Manuel Reigosa, reitor da Universidade de Vigo; Julio Abalde, reitor da Universidade da Coruña, e Antonio López, reitor da Universidade de Santiago de Compostela; do conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, e doutras autoridades e membros da comunidade universitaria. No seu discurso como universidade anfitrioa, Julio Abalde fixo mención á situación económica das universidades e reclamou, en nome das tres universidades galegas, “que o marco financeiro que se estableza responda á necesidade de que as universidades afronten o próximo período cun financiamento estrutural suficiente”; desexo que tamén espera da próxima Lei orgánica de universidades para “reverter a insuficiencia de recursos públicos e privados para os campus”. O reitor da UDC lembrou que aínda non se recuperou o financiamento anterior á crise de 2008 e que o gasto público de España en financiamento universitario está dez puntos por debaixo da media da UE e da OCDE.

Financiamento, mapa de titulacións e investigación

Segundo indican en nota de prensa desde o goberno autonómico, durante o acto de apertura Feijóo asegurou que o novo plan fixará a folla de ruta para, nos vindeiros cinco anos, relanzar o sistema cara a modernidade, a vangarda e o compromiso coa sociedade. Así, explicou que estes 3000 millóns de euros mobilizados a través de recursos públicos rexeranse por seis eixes que calibrarán o financiamento global, a internacionalización, a relación coa empresa, a innovación na docencia, a investigación e a responsabilidade social. Nesta liña, o presidente do goberno galego recordou que actualmente as universidades galegas reciben aproximadamente 450 millóns de euros en transferencias directas por parte da Xunta, “unha cifra récord que pretendemos aumentar no vindeiro ano”, dixo.

Igualmente, Alberto Núñez Feijóo incidiu en que o Sistema Universitario Galego e o executivo autonómico comparten o obxectivo de aliñar a oferta co escenario social e económico. Para iso, resaltou a modo de exemplo a aprobación dun grao e mestrado de Intelixencia Artificial e o mantemento da senda iniciada en 2017 coa renovación do mapa de titulacións, sinalando que “daquela apostamos por 20 novos graos e agora continuaremos ata 2026 coa introdución de 13 mestrados e entre 10 e 12 graos”. “Seguiremos apostando pola excelencia do noso sistema universitario, pero para iso é necesario blindar a accesibilidade”, abundou o presidente da Xunta, recordando a conxelación nos últimos once anos das taxas universitarias.

Ademais de seguir apostando pola especialización, Feijóo aseverou que se fortalecerá tamén “o noso sistema científico: coa acreditación dos oito centros de investigación punteiros agrupados baixo o selo GUS, onde traballan máis de 1600 persoas; e cun programa completo de formación investigadora e cunha novidosa iniciativa de retención de talento, que contan cun investimento de preto de 18 millóns de euros”. Feijóo concluíu a súa intervención apelando ao papel fundamental da Universidade para que Galicia saía fortalecida da pospandemia.

O acto de apertura do curso universitario contou coa lección maxistral de Luis Hernández Ibáñez, profesor titular da Área de Enxeñaría Cartográfica, Xeodésica e Fotogrametría da UDC e decano da Facultade de Comunicación Audiovisual, titulada Fantasía, xogo e outras realidades. O reto de facer visible a imaxinación.